
O Partido Popular de Baiona pide ao tripartito, e ao seu alcalde como principal responsable, que non deixen abandonados aos veciños de Baredo coa escusa de que arranxar os 50 metros do tramo do paseo que discorre polo río Fraga vale 100.000 euros. Para o PP isto é un abandono de funcións do tripartito e unha “mala escusa” do rexedor coa que, ademais, está a mentir aos baioneses tendo en conta que hai pouco máis dun ano a construción da segunda fase para a ampliación de 500 metros deste mesmo sendeiro custou 170.000 euros. “Unha contía que debería de coñecer perfectamente este goberno local que, aínda que foi un proxecto impulsado polo anterior executivo popular, foi o tripartito quen o inaugurou en xullo de 2021”.
Para o PP resulta incomprensible que o tripartito utilice a traba dos 100.000 euros cando a súa reparación estaría como máximo en 20.000 euros. “Unha cantidade máis que xustificada para volver deixar nunhas condicións idóneas este paseo fluvial de madeira moi utilizado polos veciños da parroquia de Baredo para desprazarse a Baiona e por multitude de visitantes”.
Os populares urxen ao alcalde a buscar solucións e a deixar xa as trabas económicas coas que estivo xogando toda a lexislatura para deixar morrer servizos básicos e instalacións municipais creadas para uso e desfrute dos veciños. Instan os concelleiros e concelleiras do principal partido da oposición a que, como xa fixeron outros concellos, o goberno póñase a traballar para solicitar axudas económicas creadas por outras administracións, precisamente, para emendar danos provocados polos temporais. Lembran desde o PP ao rexedor que o diñeiro para arranxar o paseo de Baredo non ten que saír necesariamente das arcas municipais, “pero para iso hai que preocuparse e ocuparse”. E neste sentido destacan a rapidez coa que actuou a Xunta de Galicia na reparación do paseo de Ladeira, tamén danado pola choiva deste inverno. “Todo o contrario ao que ocorre con este alcalde socialista que, co seu inacción vai conseguir que nin veciños nin turistas poidan desfrutar do paseo ao longo de todo o ano”, afirman.