A aposta do Concello de Nigrán polo surf inclusivo en Patos trasládase tamén a novas infraestruturas na praia. Deste xeito, o Concello vén de investir 4.000 € na instalación dunha caseta adaptada no aparcadoiro da praia de Abra para que estes deportistas a poidan empregar como os seus propios vestiarios. A petición partiu do Quenlla Surf Club, entidade dedicada a facilitar a práctica de surf a persoas con diferentes tipos de discapacidade e cuxa escola se atopa xusto en fronte, por iso a elección desta situación. Adicionalmente, o Concello contratou a decoración exterior ao artista e emprendedor Gonzalo Gómez Sala, creador da marca “DeGonza” e coñecido por expresar a súa creatividade, visión e realidade cos seus debuxos ante a dificultade de comunicarse verbalmente.
“Somos un exemplo en políticas de accesibilidade universal e tamén unha referencia en surf adaptado grazas á sensibilidade das nosas escolas. Aquí acollemos campionatos mundiais e nacionais de surf adaptado e durante todo o ano se ofrecen clases ou bautismos, por iso é necesario dispoñer de instalacións acordes”, explica o alcalde, Juan González, quen incide no orgullo de que o artista “DeGonza” poida exhibir o seu talento, precisamente, nas paredes desta caseta. Así, durante tres xornadas, con aerosol, rodete e pincel, deu renda solta á súa desbordante creatividade.
Gonza forma parte do grupo “Diseñatas” dirixido polo profesor Alberto Ardid na Fundación Igualarte (fundación artística integral, para persoas con capacidades diferentes, situada en Vigo). Nacido con síndrome de down, el amosa a súa expresividade e creatividade nos seus debuxos coloristas que baixo a marca “DeGonza” se comercializan en forma de camiseta, sudadera, láminas…

