O Chuvi súmase á conmemoración da Semana Mundial da Continencia

Os servizos de Uroloxía e Cirurxía Xeral e Dixestiva do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo súmanse á celebración da Semana Mundial de Continencia, participando en diversas actividades con varias Asociacións de pacientes como ASIA(de incontinencia anal) ou AVEMPO (de esclerose múltiple). Así, estes días, a través de conferencias Webinar os especialistas queren dar a coñecer e visibilizar a incontinencia anal e a urinaria, e explicar as solucións a este problema que deteriora de forma importante a calidade de vida das persoas que a padecen.

Estímase que aproximadamente un 60% dos maiores de 60 anos presentan algún tipo de incontinencia. Trátase dunha patoloxía con alta prevaleza pero que permanece oculta por moitos motivos como as falsas crenzas, os medos, etcétera.

Segundo afirma ou urólogo do Chuvi Carlos Müller “a pesar de ser un problema tan frecuente, poucos pacientes se atreven a consultalo, só 4 de cada 10; moitas veces porque se considera como algo “normal”, asúmeno como parte do envellecemento, ou ben, por vergoña ou descoñecemento. Hai que deixar de considerar a incontinencia como algo normal e animarse a consultar”.

800 probas urodinámicas anuais

A incontinencia urinaria provoca múltiples consecuencias físicas como problemas de pel, infeccións de ouriños, etc., pero tamén unha importante deterioración da calidade de vida dos pacientes, perda de autoestima e depresión.

O servizo de Uroloxía do Hospital Alvaro Cunqueiro realiza todas as probas necesarias para o diagnóstico da incontinencia urinaria. Así, realiza uns 800 probas urodinámicas anuais, que son estudos especilaizados funcionais do comportamento dá vexiga.

A clave está en realizar unha adecuada valoración da incontinencia xa que non todos os tipos de perdas son iguais. Non é o mesmo perder ouriños ao toser, esbirrar, ou correr (incontinencia de esforzo) que cando se perde coa aparición dun desexo súbito que é imposible pospoñer (incontinencia de urxencia). Unha correcta valoración da incontinencia garante os mellores resultados en canto ao tratamento.

O tratamento debe axustarse a cada paciente. Pode ser conservador, con medidas xerais como cambios en certos hábitos de vida e exercicios de fortalecemento de solo pélvico; ou terapias farmacolóxicas; inxección de Botox na vexiga; ou incluso o tratamento cirúrxico.

Técnicas minimamente invasivas para a incontinencia Anal

En canto a incontinencia anal, a Unidade de Coloprotoloxía do servizo de Cirurxía Xeral e Dixestiva estuda e trata a estes pacientes.

Segundo explica o xefe de sección desta Unidade, Enrique Moncada, existen varios tipos de tratamentos, como a reconstrución do esfínter naqueles casos moi puntuais de lesións ou traumatismos postpartos, e as terapias minimamente invasivas. “Hoxe en día empregamos cada vez máis este tipo de tratamentos pouco invasivos, baseados na estimulación a través de corrente eléctrica do nervio tibial posterior ou das raíces sacras, con resultados moi satisfactorios e que melloran de xeito moi significativo a calidade de vida dos pacientes”.