A música tradicional está de loito polo pasamento do “Terrible” Suso Sousa

A música tradicional está de loito polo pasamento de Jesús Sousa Matos, o bombeiro de Os Terribles de Donas. Suso naceu no lugar de Alcouce, en Donas, no ano 48. Suso foi un home moi polifacético, desempeñando ao longo da súa vida numerosos traballos, pero sempre cunha gran paixón pola percusión e pola nosa música tradicional. Esa gran afección, levouno a tocar o bombo no grupo “Os do Val Miñor”, a dirixir durante máis de 14 anos o grupo de gaitas “Airiños da Pedramoura” e o de baile “As Brisas da Pedramoura”. Aínda que non chegou a tocar na primeira formación de Os Terribles, incorporouse ao grupo no seu rexurdir, e con eles levou a nosa música por innumerables lugares, facendo desfrutar a todo o público que o escoitaba.

O 14 de maio de 2022, os Concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán, coa colaboración da Asociación de Gaiteiros Galegos e a Deputación de Pontevedra, recoñeceron a Suso e ao seu irmán Manuel, tamborileiro de Os Terribles de Donas, pola súa traxectoria, na I Homenaxe á Tradición do Val Miñor, un festival que ten como fin principal dar a coñecer e poñer en valor o importante e singular patrimonio cultural da comarca no relativo á música tradicional, celebrado na Praza do Concello de Baiona. “Dende a Asociación de Gaiteiros Galegos compartimos a dor e lamentamos fondamente a perda de Suso, pero sempre o lembraremos con esa ledicia que o caracterizaba. Dende aquí queremos facerlles chegar o noso máis sentido pésame á familia e amigos. Que a terra che sexa leve Suso!”.