O nigranés Anxo Carril e o gondomareño Danny Buba, subcampións galegos de XCO

Anxo Carril e Ricardo Buba, segundo e terceiro en júnior XCO.

O Cross Country Olímpico galego regresou este sábado á normalidade previa á pandemia co Campionato Xunta de Galicia celebrado na localidade pontevedresa de Marín. Case 200 bikers participaron na cita organizada polo XSM. O club anfitrión traballou arreo e preparou en Chan de Gagán un circuíto que estivo á altura da carreira máis importante do ano no calendario autonómico desta especialidade do BTT. Un trazado moi técnico, curto e que polas chuvias das horas previas presentou un terreo húmido.

Os maillots de campións de Galicia cambiaron de propietarios nas categorías júnior e cadete. Miguel Rodríguez superou nos júniors ao nigranés Anxo Carril (Coruxo). A terceira praza ocupouna o gondomareño Ricardo Buba (Vigo-Rías Baixas). Máis emocionantes estiveron as carreiras cadetes. Tomás Pombo (Cambre-Caeiro) acabou dobregando nos rapaces cadetes ao gondomareño Danny Buba (Coruxo), con Martín Sestelo (Avanza-Porriño) concluíndo terceiro.

Tamén se celebrou unha proba XCE de promoción e non puntuable, na que Danny Buba conseguiu a vitoria en cadetes e Anxo Carril e Ricardo Buba conseguiron o primeiro e segundo posto respectivamente en júnior, finalizando en 4ª e 5ª posición na clasificación absoluta.