Podemos Baiona demanda da Xunta subvencións para a compra de detectores de CO2 e filtros HEPA

Dende a formación local de Podemos en Baiona instan ao Concello a que demande á Xunta de Galicia a creación dunha liña de subvencións de concorrencia non competitiva para que o sector da hostalería poida sufragar a adquisición de detectores de CO2 e filtros HEPA. Máis aló de que a máscara, o uso de xel hidroalcólico e a distancia son armas fundamentais para evitar contaxios certo é que en espazos e ambientes pechados e de certa concorrencia de xente, como pode ser na hostalería e en certos centros de comercio, hai que analizar a aparición dos aerosois como principal causa de contaxio e que repercuten na calidade do aire.

“A Xunta xa tomou nota da necesidade de analizar a calidade do aire nos restaurantes e deixa constancia da mesma na inclusión do punto sétimo bis na orde do 14 de abril. Unha necesidade que se debe estender a outros locais de hostalería e a certos centros comerciais. Pero o que non pode facer a Xunta de Galicia é publicar esta orde e impoñer a necesidade de usar estes detectores de CO2 por parte da hostalería a partir do vindeiro 23 de abril e non quitar paralelamente unha liña de subvencións para que a xente da hostalería poida sufragar o custe da adquisición de ditos aparatos. Segue a castigarse a este sector constantemente, e neste caso obrigándolles a facer un desembolso extra para poder adquirir estes detectores”, apuntan desde Podemos.

É por iso que se dirixen ao Concello de Baiona demandando certos puntos como:

• Solicitar ao Goberno da Xunta de Galicia que cree unha liña de subvención de concorrencia non competitiva para cubrir os custes da adquisición de detectores/ medidores de Co2 e filtros HEPA por parte dos sectores da hostalería, do comercio local e de calquera PEME ou persoa autónoma que o solicite; asemade solicitar o reembolso para quen dentro dos sectores afectados xa comprasen ditos equipos anteriormente á data do 23 de abril de 2021 do importe dos mesmos previa presentación de factura ou xustificante de compra e dito reembolso vaia a cargo da liña de subvencións creada para tal fin;

• Solicitar ao Goberno da Xunta de Galicia a que dote en todas as instalacións da súa titularidade e nas dependencias que se usen con finalidades deportivas no seu ámbito pechado, culturais, sociais ou/e lectivas de ditos detectores e filtros;

• Que o Concello de Baiona se comprometa no tocante ao uso de estes aparellos a dotar ás distintas instalacións de titularidade municipal dos mesmos.

• Solicitar que de xeito conxunto a Xunta de Galicia e a FEGAMP dote de estes detectores/medidores de CO2 e filtros HEPA a todos os centros onde se desenrolen actividades sociais, culturais, educativas, lúdicas e de calquera carácter de interese público onde fosen necesarios para manter unha correcta ventilación.

• Solicitar á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado a contratación de rastrexadores para a realización de rastrexos retrospectivos conxuntamente cos rastrexos prospectivos.