Podemos Nigrán e EU solicitan o Alcalde que destine os 150.000 do remanente ao Banco de Alimentos

O pasado 9 de marzo o Concello de Nigrán publicaba en diferentes medios de prensa que destinarían 150.000 euros do remanente para incrementar a mercadoría do Banco de Alimentos ante o notable aumento de persoas vulnerables que se ven na necesidade de acudir ao mesmo. Tamén anunciaba que se destinarían un total de 430.000 para emerxencia social co fin de paliar os efectos socioeconómicos da Pandemia, ademais de deixar constancia da intención de destinar 1,4 millóns de euros de dito remanente a diversas obras.

Posteriormente, o día 12 de marzo, nunha entrevista na emisora de radio SiRadio Galicia, o Alcalde, Juan González, declaraba que “o remanente, como non podía ser doutra maneira, irá para as persoas que peor o están a pasar pola pandemia”.

“Sen embargo cal foi a nosa sorpresa cando na sesión plenaria ordinaria celebrada o pasado luns 5 de abril, o que se aprobou foi algo ben distinto do anunciado previamente polo señor Alcalde, as modificacións orzamentarias levadas polo goberno municipal, unha por un importe de 2.996.106,74 euros e outra de 460.000,00 euros, non contemplan ningunha partida para aumentar o Banco de Alimentos Municipal, en cambio gran parte das modificacións orzamentarias destínanse a facturas atrasadas”, critican desde Podemos Nigrán e Esquerda Unida.

A pesar de que segundo R.D. Lexislativo 2/2004 (texto refundido da lei reguladora de facendas locais) e a normativa que o desenvolve indican claramente que unha partida consignada a cargo do remanente require a aprobación do pleno, como as que se aprobaron inicialmente no pleno deste luns, ante o seu asombro, Podemos Nigrán e Esquerda Unida examinaron as 5 modificacións orzamentarias aprobadas anteriormente polo alcalde, “non atopando en ningunha delas a incorporación dos 150 mil euros prometidos por el ao banco de alimentos”.

“Esperamos que o Sr. Alcalde leve ao pleno do mes de abril, a proposta modificación dos orzamentos para incrementar en 150.000 euros o total destinado ao banco de alimentos, cumprindo así co que publicamente anunciou nos distintos medios de información, e sobre todo, cumprindo co voto de confianza que no seu momento depositou en el a veciñanza do concello de Nigrán”. En caso de que non sexa así desde Podemos Nigrán e Esquerda Unida anuncian que tomarán as iniciativas que consideren para que, tal como prometeu o alcalde se incorporen 150 mil euros do remanente para incrementar a partida destinada ao Banco de Alimentos.