O IES Terra de Turonio denuncia a falta de interese do Concello para resolver os problemas

Despois de celebrarse un pleno municipal o pasado venres 5 de febreiro, e á vista do desenvolvemento do mesmo, para a comunidade educativa do IES Terra de Turonio de Gondomar quedou clara a nula vontade por parte do goberno de resolver a problemática que padece o instituto. O equipo directivo do centro enviou un escrito a todos os partidos da Corporación Municipal no que se denunciaban as actividades molestas e insalubres que continúan a padecer, instando a chegar a un acordo para poñer unha solución a esta problemática. Os grupos da oposición (Bloque Nacionalista Galego-BNG, Ciudadanos-C’S, Manifesto Miñor-MM e Partido Popular-PP) presentaron unha moción conxunta na que se relataban as peticións feitas pola dirección do IES Terra de Turonio. Na moción propúñanse os seguintes acordos:

• Instar ao goberno municipal a contactar co propietario da canceira mencionada no escrito (do IES Terra de Turonio) a chegar a un acordo satisfactorio para todas as partes. Caso contrario, iniciar os trámites necesarios para solucionar dunha vez as molestias que están padecendo os alumnos do instituto Terra de Turonio de Gondomar a causa dos ladridos dos cans que perturban claramente o desenvolvemento da actividade educativa.

• Instar ao goberno municipal a iniciar os trámites necesarios para a ampliación da entrada do aparcadoiro do instituto Terra de Turonio e a sinalización do propio aparcadoiro para evitar que particulares aparquen na zona dos autobuses no horario lectivo.

“O Sr. Alcalde anunciou o voto en contra do seu grupo despois de realizar un discurso demagóxico con mentiras e informacións totalmente falsas, chegando a concluír que “non sei o que hai que facer, sinceramente, eu magia non podo facer”. Evidentemente se como Alcalde non sabe o que hai que facer, para que cobra un salario que pagamos todos e todas?”, lamentan desde o IES Terra de Turonio. “As actividades molestas e insalubres están contempladas na lexislación e o Concello é o responsable de aplicar a normativa vixente. Se uns cans molestan e impiden dar as clases a máis de 300 alumnos, non se pode invocar o dereito dos animais a ladrar, iso é demagoxia. Entendemos que o dereito do alumnado e do profesorado prevalecen claramente por moito que se invoque a protección dos animais”.

“Tampouco vale manifestar que hai 20 anos que sucede isto para botarlle a culpa a todas as corporacións anteriores, o problema hai que resolvelo agora, precisamente neste momento pois desde o pasado ano no verán comunicóuselle ao concello que este curso se ía agravar o problema ao ter que ventilar e ter as xanelas abertas. En canto ao do aparcadoiro, non se responde ao que se demanda: a ampliación da entrada. Escúdase o Sr. Alcalde na ampliación da beirarrúa que está a facer a Deputación mais que en ningún caso vai resolver o problema do funil da entrada dos autobuses posto que entre a esquina do pavillón e o muro lateral oposto vai seguir tendo a mesma distancia”.

Para a comunidade educativa as solucións hai que buscalas e non se pode argumentar que cando catro grupos están de acordo en buscalas e a dirección do centro tamén, non se sabe que facer e votar en contra dicindo que xa está todo solucionado. “Desde o instituto Terra de Turonio seguiremos a denunciar esta situación en todos os ámbitos e por todos os medios ao noso alcance. Lembramos que desde o curso 1999/2000 ten sido denunciado reiteradamente este problema diante de diversas instancias sendo obxecto de sancións e inspeccións, sen que se teña solucionado por parte do Concello esta situación”.