Consternación na parroquia gondomareña de Mañufe

Consternación na parroquia gondomareña de Mañufe despois de que un veciño de 64 anos asasinase presuntamente á súa muller a coiteladas e tentase quitarse a vida despois cortándose a veas.

Segundo informou o Instituto Armado, os feitos sucederon ao fío das 16:25 de onte martes durante un rifa entre Valentín A.B. e Soledad R.V. de 59 anos, que iniciaran a súa separación. Por motivos que se descoñecen, o suposto autor do crime asestoulle varias puñaladas á súa esposa ata acabar coa súa vida. Posteriormente tentou suicidarse cortándose as veas, e como consecuencia diso tivo que ser trasladado ao centro hospitalario Álvaro Cunqueiro con prognóstico grave.

Foi un taxista que levaba ao fillo da parella á vivenda de volta dun centro de educación especial quen deu a voz de alarma a través dunha chamada ao servizo de emerxencias. O home, ao ver que ninguén abría a porta púxose en contacto por teléfono coa nai, sen éxito, e despois co pai, quen lle respondeu con voz apagada que a muller falecera e el estábase morrendo.

Fontes da Policía Municipal explicaron que se trata dunha parella moi coñecida, naturais da zona, coñecida como O Rapadouro. Tiñan dous fillos, o máis pequeno con síndrome de Down e outro de maior idade. Os residentes na devandita zona non saían do seu asombro xa que segundo explicaron “non tiñan discusións aparentes”, aínda que tampouco se relacionaban demasiado coa veciñanza. Proba diso é que dúas horas despois do suceso a maioría descoñecía o sucedido. “Valentín saía a miúdo co seu fillo para pasear polo camiño, era de ola e adeus, non era moi falador. A súa muller apenas saía de casa”, explicaban.

Fontes próximas ao núcleo familiar explicaron que estaban a pasar por moi malos momentos, precisamente estaban en proceso de separación e o suposto autor estaba visiblemente afectado pola súa situación. “Andaba co seu fillo dun lado para outro como alma en pena, sempre estaban xuntos”, afirman.

Pouco despois do ocorrido, varias patrullas da Unidade de Seguridade Cidadá da Garda Civil, Usecic, blindaron o acceso que dá á vivenda, situada a 200 metros da bifurcación do Camiño de O Rapadouro en Gondomar, e impediron o paso a toda persoa allea á zona e ao suceso. Ademais o operativo estivo reforzado por varios axentes da Policía Autonómica. A comisión xudicial procedeu ao levantamento do cadáver, ao que se lle realizará a autopsia.

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, expresou as súas condolencias á familia e condenou o crime.