Sin categoría

O baionés Adrián Malheiro proclámase Campión das Series Rotax 2017

Con 136 pilotos inscritos, o Circuíto Internacional de Karting de Zuera foi escenario este domingo da última proba das Series Rotax 2017, polo que xa son coñecidos os Campións nas distintas categorías.

Adrián Malheiro foi o vencedor na categoría Rotax Micro. O novo piloto baionés conseguiu o primeiro posto na crono e na segunda carreira e o terceiro posto na primeira, facéndose coa vitoria final. “Pletórico, carreiras a tope como sempre, moi seguro, sen riscos, sentinme realmente o máis forte do fin de semana e gas ata a liña de meta”, afirma.

Adrián, que xa se proclamara por terceiro ano consecutivo, Campión de Portugal Cadete, Campión de España Alevín, e vencedor da Taça de Portugal, conquista desta maneira a desexada cualificación para a Final Mundial Rotax, que se celebrará do 4 ao 11 de novembro no Kartódromo Internacional do Algarve.

“Dar o parabén ao meu equipo PPRT, a todos os seus membros, tamén aos que quedaron en Portugal e que sempre están aí traballando arreo. Agradecer tamén aos meus compañeiros de equipo Jorge Mendes, Álex Areia e Mariano Pires, que xa é como da familia PPRT e obtiveron excelentes resultados tamén nas outras categorías e a todos os pilotos participantes. Quero agradecer aos meus patrocinadores e colaboradores, sen eles isto non sería posible. En especial a Jorge Areia (Nastrotex), esta vitoria é para el”, subliña o novo piloto.

Adrián Malheiro Suñe é natural de Baiona aínda que na actualidade reside en Tui. Fillo de pai portugués e nai española, empezou a practicar cunha pequena motocicleta cando só tiña dous anos. Máis tarde comezou a adestrar nas pistas de Porriño cunha Polini GP3.

Despois pasouse aos karts, creándose entón o Team Erizana, para ensinar e seguir a Adrián na súa progresión, e alugando un box permanente nas pistas de Porriño para que o pequeno piloto puidese adestrar. Case de inmediato comezou a participar en eventos en Galicia e Portugal.

Con 10 anos de idade, conta no seu palmarés con máis de 30 podios en categorías nacionais en Portugal. Campión das Series Rotax 2014, 2015, 2016, Campión Nacional de Portugal 2016, Campión Copa Mollo 2014, 2015, foi fichado no principio do ano por Praga España Motorsport para correr no Campionato de España 2017 na categoría Alevín.