
O Concello de Nigrán exporá ao público desde mañá e por un período de dous meses o “Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións de Portocelo” para a formulación de alegacións. O proxecto elaborado pola Comunidade de Montes de Monteferro e aprobado o 9 de novembro polo goberno local permitirá a reforma do inacabado edificio desta entidade para integralo na paisaxe e adaptado á legalidade, dando marcha atrás a un dos maiores expoñentes do “feísmo” no municipio. Así, suporá, entre outras cousas, rebaixar a súa altura á metade para deixalo nunha soa planta ou recuperar a rasante orixinal da parcela, integrando toda a propiedade na paisaxe (suma 5.761 metros cadrados). Os pasos a seguir para este fin son similares aos dun Plan Xeral de Ordenación Urbanística, sendo necesaria unha aprobación provisional e definitiva (sempre contando cos informes favorables da Xunta).
“A recuperación e posta en valor medioambiental e urbanística de Monteferro pasa inevitablemente por converter o histórico edificio da Comunidade de Montes nun lugar acorde coa súa contorna, lonxe do feísmo actual que representa, mantendo ao mesmo tempo o seu necesario uso de centro centro social, veciñal e medioambiental ao servizo da veciñanza. Desde o Concello celebramos que a Comunidade de Montes decidira dar este paso e aí estaremos ao seu carón porque cremos que significa unha oportunidade para poñer en valor Monteferro”, sinala o alcalde ao respecto.
O edificio obtivo licenza de construción en 1988 con arranxo ás normas subsidiarias vixentes naquel momento, sen embargo, o proxecto orixinal desviouse substancialmente entrando en conflito coa legalidade e quedando finalmente inconcluso. O proxecto actual, elaborado polo arquitecto Federico Suárez, integra o edificio na paisaxe rebaixando a súa altura a 5 metros e unha soa planta ou devolvendo a rasante da parcela ao seu estado orixinal. No terreo crearanse zonas axardinadas na parte central e matogueiras na frontal (sempre empregando especies autóctonas) e haberá espazo de acceso rodado e aparcamento (16 prazas máis 2 adaptadas). As características tipolóxicas e construtivas, cores e acabados será acordes coa paisaxe rural e as construcións da contorna para garantir o mínimo impacto visual e a mínima alteración do relevo natural do terreo.
Finalmente, o novo edificio terá un uso socio-recreativo ao servizo da veciñanza, tendo como obxectivo primordial fomentar o asociacionismo forestal, creando ademais un punto de información e difusión sobre a península de Monteferro (interese arqueolóxico, etnográfico, paisaxístico, medioambiental, etc.).
“É unha oportunidade non só para corrixir despropósitos urbanísticos propios doutras épocas, se non para dotar a Monteferro dun espazo público-comunitario onde poñer en valor un dos lugares con maiores atractivos do municipio pola súa riqueza natural, paisaxística e etnográfica”, destaca González.