Manifesto Miñor leva a pleno as comisións abusivas de Abanca

Manifesto Miñor-En Marea presentará no próximo Pleno do Concello de Gondomar unha moción sobre as elevadas comisións e gastos aplicados ás contas bancarias da veciñanza pola entidade Abanca. Antonio Araújo afirma que unha parte importante dos veciños e veciñas con contas bancarias na entidade Abanca está a verse prexudicada polas elevadas comisións e gastos que esta entidade está aplicar aos seus clientes, máis gravosa aínda naquelas modalidades coñecidas como “libreta á vista”. “Estas comisións impóñense sobre contas correntes, non sobre produtos financeiros de esperada rendibilidade. É dicir, afectan aos consumidores”.

“Poderíamos dicir que en Gondomar non andamos sobrados doutras entidades bancarias, pois con Abanca só hai tres, polo que a liberdade de elección para unha parte importante da nosa veciñanza non existe; podendo a devandita entidade exercer unha posición “dominante” sobre os clientes. O problema agrávase cando nos referimos ás persoas de máis idade, coas dificultades e/ou imposibilidades de acceder a outros modelos bancarios que non lles cobrarían estas comisións (certa banca online, etc…)”, sinala Araújo.

Desde Manifesto Miñor advirten que non é obxecto desta moción debater sobre a legalidade ou ilegalidade desta práctica bancaria/comercial; práctica que este grupo considera carente de ética e abusiva, entendida polo exercicio dunha posición dominante do banco sobre os usuarios máxime, na situación de vulnerabilidade en que se atopan moitas das persoas afectadas. Lembran ademais que a orixe da entidade Abanca é o resultado da venda a prezo de saldo da agrupación de varias caixas de aforro galegas rescatadas con diñeiro público. Entidade que actualmente pregoa abondosos beneficios.

“Como queira que se trata dunha situación moi grave e inxusta que lle está a afectar a miles dos nosos veciños, o Concello de Gondomar ten a obriga moral e política de denunciar esta práctica de nova usura levando a voz da veciñanza alí onde lle cómpre”, conclúe Araújo.

Manifesto Miñor propón trasladar á entidade Abanca o rexeitamento por parte do Pleno da Corporación Municipal de Gondomar da aplicación de comisións e gastos por parte desa entidade ás contas correntes (comisión e gastos que roldan os 50 euros por semestre); así como o apoio á veciñanza na reclamación da devolución das mesmas, así como instar ao Goberno Municipal de Gondomar a que, no caso de que a entidade Abanca non efectúe a devolución destas comisións, a contactar con outras entidades bancarias: banca ética ou caixa de aforros do tipo Caixa Rural Galega, etc, a fin de facer das mesmas as entidades bancarias e financeiras preferentes do Concello, anulando todas as contas e as operacións financeiras que o Concello de Gondomar mantén neste momento con Abanca que sexan legalmente posibles.

Anuncios