CaixaBank reforza con 4.000 € o servizo de repartición de alimentos de “Ayuda al mundo necesitado” en Baiona

A entidade financeira canalizou unha axuda da Fundación “la Caixa” de 4.000 euros cara á asociación “Ayuda al mundo necesitado”, de Baiona. Nestes momentos de crise provocada polo COVID-19, esta cantidade permitirá á asociación reforzar o seu servizo de repartición de alimentos ás familias máis desfavorecidas do Val Miñor.

Con esta colaboración, CaixaBank e “la Caixa” responden, ademais, ao chamamento lanzado polos servizos sociais, alertando da necesidade de contar con máis recursos para facer fronte á demanda provocada pola pandemia do coronavirus. Estes catro mil euros destinaranse, por tanto, a dar resposta ao aumento do número de familias atendidas e a adecuar o servizo de repartición de alimentos aos requisitos sanitarios.

A directora de CaixaBank en Baiona, Yolanda Pérez, quixo destacar a estreita relación que a súa oficina mantén con “Ayuda al mundo necesitado”. “A finais de 2019 realizamos unha doazón de tres mil euros que quixemos reforzar nestes momentos para dar resposta á crecente demanda que recibiu a asociación”. “É unha satisfacción”, engadiu, “ser de utilidade para unha asociación con tanto arraigamento e valor para a nosa localidade”.

A Acción Social, un dos alicerces do Plan de RSC de CaixaBank

Grazas á súa capilaridade territorial, a rede de oficinas de CaixaBank pode apoiar á Fundación “la Caixa” no seu labor social, detectando necesidades de entidades sociais locais e canalizando unha parte da súa Obra Social. A colaboración entre ambas as dúas institucións fai posible que miles de pequenas e medianas entidades sociais solidarias poidan acceder a axudas económicas para sacar adiante os seus proxectos. Cada ano, máis de 11.000 proxectos reciben, en conxunto, uns 44 millóns de euros en favor de máis de 7.000 entidades sociais de todo o país.

A Acción Social é un dos alicerces do Plan de Responsabilidade Social Corporativa (RSC) de CaixaBank. Ademais da distribución de axudas económicas da Fundación “la Caixa”, a entidade promove o voluntariado dos seus empregados; impulsa a súa participación en centos de obradoiros de educación financeira; e organiza a recollida anual de millóns de litros de leite con destino ao Banco de Alimentos.

CaixaBank é unha entidade cunha vocación profundamente social. Froito da herdanza que recibiu, mantén unha actitude de servizo á sociedade e aos seus clientes.