Aprobado o proxecto de ampliación da rede de saneamento e abastecemento ao barrio da Carrasca

A Xunta de Goberno de Nigrán vén de aprobar a ampliación da rede de saneamento e abastecemento da Carrasca (Parada) por un importe de 138.344,47€ e que se financiará a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Trátase dun proxecto solicitado por máis dunha vintena de veciños a través do Centro Cultural Bolos da Carrasca que están obrigados a verter as augas residuais por fosas sépticas e abastecerse a través de pozos particulares. As obras contan xa con todas as autorizacións sectoriais precisas (Augas, Autopistas, Estradas…) para iniciar a súa contratación.

A tubaxe prevista é de PE90 PN16 e terá unha lonxitude de 5825 metros que permitirá conectarse cun tramo da rede existente que actualmente non ten servizo. As obras inclúen apertura de gabias, colocación de tubaxes, execución de arquetas de conexión e instalación de válvulas, recheo e reposición de pavimento.

Os colectores previstos son de PVC de 315 mm de diámetro e cunha lonxitude de 739,65 metros, ademais de 63,18 m de colector reforzado. O número de pozos é de 29 e os colectores permitirán recoller os verteduras de 20 vivendas. O prazo de execución das obras é de 4 meses co que a previsión é que a finais de 2020 este barrio dispoña xa de abastecemento de auga e saneamento.

Este investimento vén a completar o rematado o ano pasado que permitiu ampliar a rede mediante a instalación dunha nova condución que conecta a rede existente no parque empresarial Porto do Molle, a través dun bombeo, cun novo depósito de regulación de 500 m3 que foi situado no monte Eiró, e dende onde se dá servizo ás vivendas da zona. Por outra banda, na zona da Carrasca, onde xa estaba instalada a tubaxe de impulsión e de distribución dende hai anos e que carecía de presión suficiente para levar a auga, agora viu este problema arranxado.

“Trátase dunha petición expresa dos veciños deste barrio a través do Centro Cultural Bolos da Carrasca e que é posible grazas á colaboración de todos eles xa que o proxecto pasa por espazos públicos e propiedades privadas e así evitar bombeos. Con esta obra non só dotaremos de auga e saneamento a esta zona senón que evitaremos as fosas sépticas nun espazo polo que discorren múltiples regatos evitando así un dano medio ambiental importante”, sinala o alcalde, Juan González.

OBRAS PLAN CONCELLOS 2020

Ademais do saneamento e abastecemento de Carrasca o goberno ten incluídos no Plan Concellos 2020 a restauración e posta en valor de 7 lavadoiros de Camos, Parada, Priegue e Panxón substituíndo as actuais cubertas de formigón por envolventes de madeira e tella investindo 129.000€ (lavadoiros de A Cruz, Suapena e Rial (Camos), Cabaleiro (Parada), Mestra Emérita e Alborés Pequeno (Priegue) e San Xoán (Panxón); a instalación de saneamento na rúa Carreiro (Panxón) cun orzamento base de 90.547 € e que inclúe a renovación da estrada, en moi mal estado, e na rúa Carousa (Camos) cun orzamento base de 51.084 € (tamén saneamento e renovación do pavimento).

Nos vindeiros días aprobaranse de xeito definitivo 4 obras máis que completarán os 773.305,23€ de investimento do Plan Concellos 2020.