Sanidade insta a manter a recomendación de non bañarse no río Muíños

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Desembocadura do río Muíños.

A Xunta de Galicia mantén a non recomendación de baño na desembocadura do río Muíños, en Praia América, aínda tras comprobar que os niveis de contaminación microbiolóxica están a volver á normalidade. Con todo instan ao Concello a que sinalice debidamente a zona desaconsellando o baño de maneira permanente xa que se trata dun tramo que non está inventariado e do que non poden dar garantías sanitarias. Este argumento estriba en que o punto de mostraxe da Xunta atópase na propia beira e os niveis ven alterados debido á dilución da auga e que ao mesmo tempo se contrastan cun punto “xeorreferenciado” que se atopa máis afastado do propio río.

Así pois a última proba realizada o 11 de agosto arroxou uns resultados de 450 NMP/100 ml da bacteria escherichia coli fronte aos 1000 indicados como tope, o que indica unha redución en catro días catro veces menor que a recollida o 7 de agosto e onde a cantidade ascendía a 2000. A pesar de que os índices de concentración atópanse dentro dos parámetros aceptables, estes atópanse corenta veces por encima dos obtidos por exemplo no mes de xuño cuns valores que roldaban os 10 NMP/100 ml. Os datos publicados apuntan a que todo está a volver á normalidade con todo desde o organismo dependente da Xunta indican que desde o día 7 de agosto realizaron polo menos catro probas, a primeira o 7, a segunda o 9, a terceira o 11 e a cuarta o martes 13. Ademais detectaron diferenzas considerables nos resultados obtidos do punto xeorreferenciado en Praia América fronte á desembocadura do río Muíños.

A pesar de todo o Sergas advirte de que as zonas nas que poden dar garantías son as que se atopan recollidas no inventario, como no caso da desembocadura, pero matizando en que punto de mostraxe atópase na beira do mar e dentro da auga salgada. Este feito non se podería extrapolar ao río nin aos meandros, no que todo apunta que é o causante da contaminación co que é de supoñer que os niveis microbacterianos aumentarían estrepitosamente a medida que as tomas se fosen facendo cara ao seu leito.

Unha vez máis e tras os resultados obtidos, desde a administración procederon a realizar as notificacións pertinentes para levar a cabo o acotamento da zona e a colocación de cartelería desaconsellando o baño. Aínda que é certo que os responsables de área en Nigrán colocaron un panel informativo, este nin se atopaba na praia nin na zona afectada, senón nun cartel de información ao usuario no paseo e a 300 metros da desembocadura, cando a normativa especifica que debe de estar a pé de praia e a corenta metros de distancia ao carón e ao outro do foco.

Anuncios