A Arribada da “era covid” contará con seguridade privada

Os diversos aspectos que rexerán a primeira Festa da Arribada de Baiona da era covid seguen collendo forma e tanto as medidas en firme como as que están á espera de confirmación desvelan unha cita marcada por un estrito protocolo sanitario e de seguridade. Por primeira vez desde a súa creación, a homenaxe a Martín Alonso Pinzón prevista entre o 4 e 6 de marzo contará cunha decena de vixiantes de seguridade privada, cuxo labor principal será o de reforzar aos Corpos e Forzas de Seguridade supervisando o cumprimento das normas sanitarias como o uso de máscaras, distancia persoal, o consumo de alimentos e bebidas nos espazos específicos ou que os asistentes respecten a dirección de circulación marcada polas rúas do casco antigo.

O operativo pensado para esta edición aínda ten que superar varias Xuntas de Seguridade pero aínda así contará coa colaboración dos destacamentos de Tráfico, Usecic, Fiscal e Servizo Marítimo da Garda Civil, axentes da Policía Local de toda a provincia ou voluntarios de Protección Civil, ademais dun helicóptero e varios drons coordinados desde un Posto de Mando Avanzado e que en total superarán con folgura os 50 efectivos.

Precisamente, un dos obxectivos será o de controlar ao máximo aos asistentes que no casco antigo non poderán pararse na rúa máis que para comprar comida, posteriormente deberán seguir o circuíto establecido no sentido das agullas do reloxo polas rúas Conde, Lorenzo de la Carrera e Ventura Misa ata chegar ás “bolsas de mesas”. Uns espazos específicos distribuídos polas prazas Pai Fernando e Pedro de Castro, os xardíns do Museo da Navegación e na intersección das rúas Conde e Lorenzo de la Carrera e que contarán con todas as medidas. Un dos puntos que menos modificacións sufrirá será Santa Liberata, aquí estarán emprazados os postos dos “gremios” de asociacións e entidades deportivas locais que a diferenza da zona antiga si terán mesas.

Na parte baixa da vila mantéñense as rúas Cidade de Vigo e Marqués de Quintanar para artesáns, a rúa Carabela Pinta estará reservada a atraccións infantís e no parque da Palma aos xogos. Tal e como avanzaron desde a organización hai días non haberá espectáculos con animais fóra das Xustas que se desenvolverán como en anos anteriores na praia de Ribeira, do mesmo xeito que a representación teatral e as Olimpíadas Medievais.