Sin categoría

Baiona será este domingo a capital do Tríatlon Olímpico con Javier Gómez Noya na grella de saída

Baiona acollerá este domingo día 2 de xuño o V Tríatlon Atlántico-Campionato Galego de Tríatlon Sen Drafting. A primeira das probas comezará ás 9:00 horas desde a praia da Barbeira, 1.500 metros de natación que se completan no areal da Ribeira. Desde alí os máis de 400 participantes dirixiranse ao céntrico Parque da Palma, para acometer a primeira transición, subirse á súa bicicleta e completar un circuíto de 20 km desde a Palma ata o Cámping de Mougás, facendo dúas voltas.

A continuación e despois do paso da segunda transición no Parque da Palma, onde os participantes deixarán as súas bicicletas e poñeranse as súas zapatillas para afrontar a última proba atlética, a carreira a pé, na que deberán completar dúas voltas ao circuíto comprendido entre o Paseo de Monte Boi e a punta da praia de Santa Marta, realizando os 10 km, culminando así a súa participación na meta, que estará establecida no Parque da Palma.

Esta proba coida todos os detalles, para que o deportista goce novamente dun evento deportivo que se está consolidando edición tras edición, e estase convertendo nun referente nos calendarios, polos marabillosos lugares nos que se desenvolve, entre a praia da Barbeira e da Ribeira co pantalán da Carabela Pinta como escenario. Todos os que participaron nas anteriores edicións descríbena como unha experiencia única que deixa un bo sabor de boca que fai que repitan.

O alcalde, Ángel Rodal, destaca que “é un tremendo orgullo que a Baía de Baiona recolla unha proba tan importante, dinámica que axuda tamén a dar a coñecer o atractivo da nosa terra, das nosas praias e gastronomía” e desexa que esta edición sexa todo un éxito e póidanse repetir novas edicións. Cabe resaltar a participación de Javier Gómez Noya, o noso triatleta máis ilustre.