Pistoletazo de saída ao 53 Rallye Recalvi Rías Baixas

O Rallye Recalvi Rías Baixas máis vigués dos últimos anos arrancará ás 18:00 horas deste venres cun percorrido de 2,27 quilómetros polo interior dun dos pulmóns verdes da cidade olívica. Víctor Senra, líder provisional do Campionato Galego de Rallyes será o primeiro en tomar a saída no Tramo Vigo-Castro co seu flamante Clitroen C3 R5; e tras el, cada trinta segundos, o resto de participantes, ata un total de 152, se non se producen baixas de última hora.

É un cartel que non desmerece en nada a calquera proba do Campionato de España. Non hai máis que botar un ollo á lista de inscritos. Ao 53 Rallye Recalvi Rías Baixas acoden sete R5, aos mandos de Alberto Meira, Iago Caamaño, o campión asturiano Óscar Palacio, David González, o portugués Ricardo Costa e o vencedor da pasada edición do “Rías”, Manuel Fernández. A pelexa polo triunfo final preséntase en grao sumo apaixonante para o espectador. Tamén estarán no rallye vigués os líderes das distintas copas de promoción que se inclúen dentro do Campionato Gallego; a Pirelli-Driver Top Ten A encabezada por Ricardo Costa, a Pirelli-Driver Top Ten B, con Francisco Dorado á fronte, o Volante FGA no que marcha primeiro Jorge Garnelo, a Pirelli AMF Motor Sport, que lidera Rubén López e a Iniciación Recalvi, con Gabriel Rodríguez no máis alto.

Na primeira etapa deste 53 Rallye Recalvi Rías Baixas os participantes darán dúas pasadas ao Tramo do Castro. A segunda comenzá ás 20:15 horas. E entre as dúas, os equipos permanecerán aparcados nun parque de reagrupamiento que a organización da proba previu na céntrica Rúa Venezuela, próxima ao concello vigués e ao propio Monte do Castro.

Finalizada a primeira xornada de competición os equipos dirixiranse a Samil que acollerá os parques de asistencias dos distintos equipos así como o parque pechado do Rallye. Dentro do Museo do Verbum estará a oficina permanente.

Precaución, amigo espectador!

A recuperación do Tramo do Castro é unha das grandes novidades que presenta o 53 Rallye Recalvi Rías Baixas e tamén das máis aplaudidas polos afeccionados ao mundo do motor. Sempre foi un percorrido que atraeu a moito público, tanto en épocas pasadas como nas edicións 48 e 49 do rallye vigués. Por iso, a Escuadra Rías Baixas pide a máxima colaboración aos que acudan a presenciar o paso dos vehículos por este tramo; deixándose aconsellar e facendo caso das indicacións dos responsables da organización. Lembran que o acceso ao público pecharase ás 17 horas (unha hora antes do comezo do rallye) así que recomendan asistir con tempo para situarse nas mellores zonas.

Pola mañá, protagonismo para Porriño

Para poder tomar a saída no 53 Rallye Recalvi Rías Baixas, todos os equipos deben pasar as pertinentes inspeccións técnicas e administrativas, trámites que como o pasado ano levaranse a cabo en Porriño pero coa novidade, nesta ocasión, de que non serán no Pavillón de Deportes senón na Praza do Concello. O ir e vir de coches de competición polo centro da Vila do Louro será continuo. Desde as 9.30 h ata as 14.00 horas, poderase escoitar, de preto, o ruxido dos seus motores.