A Garda Civil visita a Unidade de Pediatría do Hospital Álvaro Cunqueiro

Durante a mañá de hoxe a Garda Civil realizou unha visita institucional aos nenos que se atopan ingresados na Unidade de Pediatría do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Un emotivo acto que contou coa presenza da subdelegada do Goberno, Maica Larriba, o Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, o xerente do EOXI Vigo, Félix Rubial, o xefe do Servizo de Pediatría, o Doutor José Ramón Fernández, e o tenente coronel xefe interino da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, Manuel Touceda.

Esta actividade intégrase dentro do programa dos eventos organizados pola Garda Civil de Pontevedra para conmemorar o 175 aniversario da súa fundación e tivo como obxectivo principal romper a rutina da estancia hospitalaria dos menores ingresados e permitirlles coñecer de primeira man o traballo desenvolto por cada unha das unidades desprazadas ata o centro sanitario e desta forma proporcionar unha importante dose de alegría e benestar aos nenos que están ingresados no hospital.

Efectivos das especialidades de: Seprona, Agrupación de Tráfico, Servizo Cinolóxico, Tedax, Unidade de Seguridade Cidadá (USECIC), Centro Operativo Complexo (COC), Laboratorio de Criminalística de Policía Xudicial e Servizo de Información, participaron nesta xornada na que explicaron aos nenos en que consiste o seu traballo diario. Os nenos estiveron acompañados polos seus pais e polo persoal sanitario que desenvolve o seu labor diario neste Hospital.

Unha das actividades que máis expectación xerou nos nenos foi cando chegaron os cans do Servizo Cinolóxico e puideron observar un exercicio práctico de “Choco” buscando un paquete de droga e de “Gaia” que é a experta en localización de explosivos.

Con todo iso, o momento estelar da visita xurdiu cando se lles fixo entrega de dous agasallos sorpresa que lles tiñan preparados. Dúas motocicletas eléctricas para nenos, que son unha réplica exacta das que utiliza actualmente a Agrupación de Tráfico da Garda Civil, e que foron adquiridas coas achegas voluntarias dos compoñentes da Comandancia.

Anuncios