Carlos Gómez presenta a súa lista para construír “a Baiona que nos merecemos”

Carlos Gómez presentou este 1º de maio, Día dos Traballadores, a candidatura que o acompañará o próximo 26 de maio. “Non imos prometer máis que traballo, traballo, traballo e traballo”, asegurou o candidato á alcaldía de Baiona.

En total son 20 mulleres e homes nunha lista que Gómez cualificou de excelente para representar os intereses da veciñanza de Baiona e conseguir “o cambio que necesita”. “Este grupo de boas persoas é o que vai levar a cabo o proxecto socialista para Baiona”, defendeu o cabeza de lista.

“Estamos aquí para escoitar, para facer a Baiona que todas as veciñas e veciños queren”, continuou Gómez, “a Baiona que nos merecemos”. O socialista defendeu “un proxecto inclusivo” para que Baiona nos próximos catro anos “se converta nun concello do século XXI”.

Carmela Silva quixo acompañar ao candidato á alcaldía neste día tan significado. “A política do século XXI ten que ser a da xente que escoite, que abra as portas e as ventás dos concellos”, sinalou a presidenta da Deputación de Pontevedra. “Con Carlos entrará no concello de Baiona a honradez, a honorabilidade, a ética”, engadiu.

“Temos a obriga de sumar entre todas e todos, estamos aquí para mellorar a vida da xente”, sinalou Silva, acusando ao PP de crer nunha política de favores. “Non hai nada máis fermoso que traballar pola túa vila, polas túas veciñas e veciños”, defendeu, “nada máis fermoso que ser alcalde da túa Vila, e ti Carlos vas ser o mellor alcalde que Baiona tivo nunca”.

A presidenta da Deputación chamou a continuar coa mobilización que o pasado domingo permitiu que o PSOE se alzase coa vitoria nas eleccións xerais. “O 28A Baiona dixo que non quería volver atrás, que estaba farta de recortes, de salarios indignos, de que as súas fillas e fillos vivan peor do que viviron eles”, argumentou Silva entre aplausos do público, engadindo que o próximo 26 de maio a veciñanza de Baiona confirmará co seu voto a tendencia xa apuntada nas eleccións xerais e fará alcalde a Carlos Gómez.

Por outra banda, Silva denunciou a mala praxe do PP de Baiona, que está a repartir un “panfleto” no que presume dos investimentos feitos na parroquia: “recollen obras que están financiadas pola Deputación de Pontevedra”, información que non especifican en ningún momento, sinalou Silva. En total, oito actuacións das 11 que aparecen no folleto recibiron fondos do goberno provincial. “Que non enganen á xente!”.

Anuncios