Paco Ferreira: “Isto acaba de empezar, non é aínda momento de felicitacións e recoñecementos”

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // Xuntanza coas Forzas de Seguridade e os presidentes das Comunidades de Montes.

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, e o concelleiro de Medio Ambiente, Antonio Araúxo, reuníronse coas Forzas de seguridade e os presidentes das Comunidades de Montes para analizar o danos e as consecuencias medio ambientais producidos polos lumes, e consensuar un decálogo de actuacións e un cronograma de traballo.

Para Ferreira, as administracións son quen teñen que responder e dar a cara nestas cuestións: crear liñas de axudas, habilitar partidas orzamentarias para contracción de persoal, coordinar e elaborar un protocolo de actuación, etc., e o voluntariado debería ser coordinado entre a Xunta de Galicia, Concellos e Comunidades de Montes. “Isto non é unha broma é algo moi serio”.

O rexedor lembra que hai que coordinar a maquinaria, os medios técnicos e humanos, planificar a reforestación, recuperar os mananciais, pozos, traídas de augas, iluminación, telefonía, repetidores de comunicación, camiños, estradas, cortar árbores queimadas, repoñer sinalización, etc…

“Isto acaba de empezar, non é aínda o momento de felicitacións e recoñecementos: que se monumento, que saque de honra, que se medallas, etc…, síntoo, pero se estamos todos dando paus de cego e cada un anda por unha banda facendo o que pode e o que sabe”, subliña Ferreira, quen ademais critica que non houbo nin unha chamada desde a Xunta e o Goberno de España, nin reunión da Mancomunidade do Val Miñor.

“Unha vez máis, a cidadanía tivo que tomar a rúa e suplir o baleiro que as administracións públicas non cubriron nin están a cubrir de momento (fóra dos Concellos). Parecemos un país terceiromundista e non o somos, somos un gran país”, conclúe o alcalde de Gondomar.

Anuncios