Paradores iniciará a talla do piñeiral de Monte Boi tras a Semana Santa

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Fortaleza de Monterreal.

A densa arboreda que acompaña á fortaleza situada na península de Monte Boi en Baiona ten os días contados. O bosque, composto na súa maior parte por piñeiro e que ocupa dúas hectáreas, está enfermo debido a unha severa praga de eiruga procesionaria que provoca que o 75% dos existentes estean secos, total ou parcialmente. Un feito corroborado pola Consellería do Medio Rural da Xunta onde afirma ademais, que “existe un risco real de saúde pública para os usuarios”.

A única solución que teñen na súa man é a súa talla completa, aínda que desde a cadea hostaleira anunciaron que a extensión afectada será repoboada con especies autóctonas e que as actuacións correrán pola súa conta de maneira íntegra. Os traballos comezarán de maneira inminente, segundo declaracións do director do Parador Conde de Gondomar, Francisco Plaza, “empezaremos xusto despois de Semana Santa”. Plaza explicou que a virulencia coa que o lepidóptero está a atacar a unha das zonas máis emblemáticas da Vila débese á idade das árbores, que neste caso superan xa o medio século de vida. Un factor determinante e que marca a resistencia da especie arbórea a erosións externas. “A idade óptima de talla para os piñeiros son 35 anos, e estes teñen practicamente o dobre por iso están moi debilitados. Non nos queda outra solución”, engadiu. Con todo e pese ao primeiro impacto, sobre todo visual, o directivo do complexo hostaleiro engadiu que supoñerá unha mellora substancial a longo prazo “tanto para o Parador como para a imaxe de Baiona en xeral”.

As actuacións contan cos permisos provinciais pertinentes así como “da Dirección Xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura e Turismo, dada a existencia de bens de interese cultural (BIC) no lugar”, segundo asegurou o departamento de comunicación da cadea. Con todo en canto á solicitude de reforestación, o organismo autonómico solicitou un proxecto máis detallado sobre como acatarán os traballos xa que a zona conta con edificacións históricas moi sensibles. O que si puido adiantar Plaza é que levaranse a cabo en dúas fases. A primeira comprenderá a zona máis protexida das inclemencias meteorolóxicas e aquí a especie elixida será o carballo, aínda que no resto de terreo isto está por determinar. “Na zona máis exposta ao vento e ao mar é inviable plantar carballo porque non sobreviviría”, explicou.

Plaza fixo fincapé en que o interior da península de Monterreal, habitualmente utilizado por veciños e visitantes como zona de esparexemento e lecer, mellorará substancialmente. “Temos que ser conscientes de que por moito que pode amolar nun primeiro momento, a vida das árbores é limitada e en función da especie unhas duran máis e outras menos. Aínda que neste caso solucionarémolo repoboando, isto ten un custo económico para nós pero é a mellor fórmula”, finalizou.