Anuncios
Ticker de novas

O IEM e o Concello de Gondomar convocan o XII Premio de poesía Victoriano Taibo

O Instituto de Estudos Miñoráns (IEM), en colaboración co Concello de Gondomar, convoca o XII Premio de poesía Victoriano Taibo, dotado con 3000 € e unha escultura conmemorativa de Fino Lorenzo. Os traballos presentados deberán ser orixinais e inéditos, de temática libre, non poderán ser adaptacións nin ter sido premiados noutro certame no momento da decisión do xurado. Estarán escritos en lingua galega, de acordo coas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego da Real Academia Galega e do Instituto da Lingua Galega (NOMIG, 2003).

Cada traballo consistirá nun ou varios textos poéticos, cunha extensión non inferior a 300 versos con unidade temática, non podendo superar as 250 páxinas. Os traballos presentaranse por quintuplicado, mecanografados a dobre espazo, con letra Times New Roman e corpo 12 nun sobre pechado identificado co lema, alcume, pseudónimo ou o título elixido polo autor/a. Así mesmo, dentro deste sobre, xunto cos traballos incluirase outro sobre pechado identificado co devandito lema, título…, que conterá os datos persoais (nome, apelidos, copia de DNI, teléfono de contacto e enderezo electrónico). O xurado só o abrirá no caso de ser premiado.

Os traballos enviaranse por correo ao Apartado 30 36380 Gondomar (Pontevedra). O prazo de admisión de orixinais comezará cando se faga pública esta convocatoria e rematará o día 31 de xullo de 2019. Os traballos presentados conservaranse durante un mes a partir da data de publicación da resolución do xurado, período durante o cal poderán recollerse no local do IEM en Gondomar. Transcorrido ese prazo destruiranse os que non fosen solicitados polos seus autores ou autoras.

O xurado estará constituído por persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario. A obra premiada publicarase polo IEM na Colección Victoriano Taibo e non xerará dereitos de autor durante os primeiros 1500 exemplares editados. O premio outorgado será único e indivisible. O xurado poderá declaralo deserto se estima que a calidade das obras presentadas así o aconsella. Calquera incidencia non prevista nesta convocatoria será resolta polo xurado.

O IEM e o Concello de Gondomar queren, a través deste premio, enxalzar a figura de Victoriano Taibo, escritor e mestre na parroquia de Morgadáns, e contribuír ao crecemento da literatura na nosa lingua, convertendo Gondomar e este premio nunha cita imprescindible para as letras galegas.

Anuncios
error: Contido protexido