Diminúen un 12% os delitos e infraccións penais en Baiona

FOTO: GARDA CIVIL // O detido cun axente da Garda Civil.

Tras a celebración da Xunta Local de Seguridade de Baiona que se realiza anualmente con anterioridade á Festa da Arribada e á que asistiron mandos da Garda Civil, da Policía Local, concelleiros e o alcalde, resalta a diminución do volume de delitos e infraccións penais no municipio.

O balance da evolución dos índices de seguridade na vila arroxa uns resultados cun descenso importante nas infraccións penais do 12% no ano 2018 en comparación co 2017. Dentro das mesmas cabe destacar a baixada do 23,63% nos delitos contra o patrimonio.

Ángel Rodal cre que “se en 2017 os resultados xa eran bos e en 2018 melloraron é en boa parte por contar co noso propio cuartel da Garda Civil, no que traballan case medio centenar de operativos”. Rodal agradece o magnífico labor que veñen realizando en colaboración coa Policía Local, “debido a que sen dúbida contribúen a que o incremento da seguridade na nosa vila sexa un feito”.

“As infraccións penais que se rexistran en Baiona son casos puntuais, pero a realidade é que é unha vila totalmente segura. Ante as situacións en que estas se produzan hai que incrementar a vixilancia na medida do posible e colaborar entre todos para poder alertar e denunciar estes feitos ante os corpos de seguridade”, conclúe o alcalde.

Anuncios