Sin categoría

UCN considera pouco ambiciosas as obras realizadas na rúa Mariñeiro

O partido independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), por medio do seu portavoz Antonio Fernández Comesaña, considera que as obras de mellora levadas a cabo na rúa Mariñeiro de Panxón e finalizadas recentemente, foron pouco ambiciosas, especialmente no referente ás beirarrúas que teñen un acabado en formigón coloreado, que en certo xeito desmerece o principal acceso ao centro urbano de Panxón e a zona portuaria, ademais, existindo nas inmediacións elementos arquitectónicos catalogados por Patrimonio como son o Templo Votivo (obra do Arquitecto Palacios), así como tamén o Arco Visigótico, polo que sería máis acorde coa contorna un acabado de beirarrúas en pedra natural e que daría moito máis realce á zona, máxime tendo en conta que a rúa Jesús Espinosa xa dispón de beirarrúas con lousas en pedra natural.

Desde UCN tamén consideran que os báculos de iluminación pública, -en especial o seu soporte e luminarias-, non se axustan ao contemplado no proxecto técnico que serviu de base para a contratación das obras, polo que ademais, non só rompe a estética en relación con modelos de báculos e luminarias da contorna, senón tamén, co resto de rúas onde se están instalando modelos moito máis modernos e estéticos, buscando una certa homologación e menor gasto na reposición e mantemento de lámpadas LED, o que producirá un maior aforro no consumo enerxético, polo que instan o alcalde Juan González, a que esixa á empresa construtora para que proceda a substituílos á maior urxencia posible.

Fernández Comesaña, considera en termos xerais moi positivas as obras de mellora realizadas, e especialmente por devolver o dobre sentido da circulación á rúa, “produto da cabezonería do anterior alcalde do PP Alberto Valverde, que se empeñou en establecer un único sentido de circulación, o que xerara múltiples queixas e incomodidades aos veciños ao ter que desviar todo o tráfico por un camiño veciñal de apenas tres metros de ancho, contando ademais cun centro escolar nas inmediacións, e que tamén ignorou un acordo plenario -forzado pola oposición- que lle obrigaba a repoñer o dobre sentido de circulación ena rúa pero que se negou a cumprir”, conclúe o portavoz independente.