Nigrán Decide presenta alegacións á modificación das Normas Subsidiarias

Nigrán Decide presentou 4 alegacións á modificación singular número 25 das Normas Subsidiarias do planeamento do Concello, aprobadas inicialmente no pleno celebrado o 27 de setembro de 2018, para tratar que esta modificación sexa o menos prexudicial posible para o futuro do urbanismo en Nigrán.

Nesta modificación das Normas Subsidiarias modifícase o ancho dos viarios: para a maior parte deles o retranqueo desde o eixo do viario pasa dos 6 metros aos 4 metros, co cal teriamos viarios de 8 metros de ancho. Sen embargo, na “letra pequena” desta modificación establécese que, para a conservación dos muros tradicionais, o ancho dos viarios públicos pode reducirse até os 4 metros. Para Nigrán Decide este ancho é claramente insuficiente, pois, ademais de impedir o paso de dous vehículos en sentido contrario, tamén podería impedir a circulación de vehículos de emerxencia nos tramos curvos, tal como explica na alegación presentada. Ademais, o feito de que nesta modificación desapareza a liña de edificación, pode levar a que a distancia entre unha casa e a de enfronte fose unicamente de 4 metros. “Non ten sentido que o goberno anuncie recentemente que inviste 44.683 euros na ampliación da rúa Nandín até un ancho de 6 metros para permitir o cruce de dous vehículos en sentido contrario, mellorando a seguridade dos peóns, e que na modificación das normas subsidiarias permita a súa redución até os 4 metros de ancho”, sinala José Cuevas.

Outra das alegacións presentadas polo grupo municipal de Nigrán Decide é a ausencia de planos na documentación da modificación que, ao modificarse as distancias das aliñacións, considera que son imprescindibles para que a veciñanza saiba realmente como vai afectar esta modificación ás rúas onde viven, especialmente neste caso en que a modificación non afecta a todo Nigrán, nin se establece como unha distancia fixa ao eixo do camiño, podendo variar a distancia para o sinalamento da aliñación en función da marxe do camiño.

Para finalizar, a última alegación está referida á consideración dos muros tradicionais que permitirían o sinalamento dunha aliñación inferior á das parcelas da mesma rúa que non os tivesen, xa que non se establece unha lonxitude mínima dos muros tradicionais, o que, unido a que se permite a súa destrución para abrir ocos para portais de entrada de vehículos ata unha lonxitude máxima de 5 metros, podería levar consigo que se sinale unha aliñación inferior pola existencia dun muro tradicional e que, con posterioridade, este desaparecese na súa totalidade ou na súa maior parte para facer unha entrada de vehículos.

Nigrán Decide solicita que se manteñan os aspectos positivos desta modificación

Nigrán Decide considera que esta modificación introduce nas Normas Subsidiarias aspectos positivos, como poden ser a mellora da regulación relativa á posible ampliación de casas tradicionais para adaptalas aos requisitos mínimos de salubridade e accesibilidade, entre outros, ou a eliminación da obrigatoriedade de urbanizar a totalidade dunha rúa para que se conceda unha licenza.

“Sen embargo, o goberno municipal prefire mesturar aspectos positivos desta modificación, como as anteriormente indicadas, con outras cuestións, como pode ser permitir a redución de camiños a un ancho de até 4 metros que van hipotecar o futuro urbanístico de Nigrán, ou a introdución da modificación da regulación dos baixo-cubertas que só poden responder a intereses particulares, como poden ser a legalización de determinadas construcións ilegais das que xa se falara no ano 2009, cando se rexeitou a modificación nº 17 das Normas Subsidiarias”, sinala José Cuevas, voceiro de Nigrán Decide, para continuar indicando que “a suma de intereses particulares non é o interese xeral”.

Anuncios