A Xunta achegará 11,6 millóns no 2019 para colaborar cos concellos na prevención dos incendios

A Xunta destinará un total de 11,6 millóns de euros o vindeiro ano para financiar os convenios de colaboración coas entidades locais galegas en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais.

Estes fondos servirán para reforzar a loita contra os lumes a través dunha serie de actuacións por parte dos concellos. Así, por medio destes convenios, as motobombas municipais participarán na defensa contra os incendios baixo o dispositivo da Xunta e os traballadores dos concellos realizarán tratamentos preventivos de xeito mecanizado en vías de titularidade municipal. Ademais, as brigadas pasarán a formar parte do operativo autonómico realizando actuacións de defensa, de extinción e de prevención, mediante rozas de xeito manual.

A colaboración cos municipios fai especial fincapé nas actuacións preventivas, mediante a xestión da biomasa vexetal coa aplicación de tratamentos silvícolas, para diminuír a carga de combustible no propio monte e en áreas adxacentes. Con estes traballos preténdese crear discontinuidades horizontais e verticais, de xeito que se consigan modelos nos que o lume, en caso de producirse, avance con máis lentitude, menor intensidade e con chamas de menor lonxitude.

O obxectivo de todas estas actuacións é o de anticiparse aos lumes e reducir ao mínimo as súas consecuencias, tanto ecolóxicas como económicas e sociais. Con isto, acadarase un beneficio para o monte, en particular, e para toda a sociedade galega en xeral.

Esta colaboración coas administracións locais enmárcanse, ademais, no establecido polo ditame da comisión parlamentaria forestal que a Consellería do Medio Rural está a aplicar. Así, cabe lembrar que o Goberno galego acaba de modificar a estrutura orgánica da consellería para separar a prevención e defensa contra incendios da planificación e ordenación forestal, dando tamén cumprimento ás recomendacións da Cámara galega. Así mesmo, recentemente quedou constituída a comisión de expertos creada por indicación do devandito ditame que se encargará de definir as melloras necesarias no dispositivo de prevención, defensa e extinción de lumes.

Anuncios