Para Manifesto Miñor, abandono, abulia, desidia ou apatía poderían ser os cualificativos que poderían asociarse á xestión do Punto Limpo de Gondomar. Desde comezos de agosto a compañía que tiña adxudicado o servizo, avisou documentalmente por vía administrativa das dificultades crónicas que viña sufrindo a empresa que entraba en concurso de acredores e que hipotecaban o seu futuro, e por tanto, abandonaba o servizo ao Concello de Gondomar.
O 24 de setembro a empresa SOIL RECORVERY S.L., volvía a dirixirse ao Concello para instalo con urxencia á execución subsidiaria do servizo do Punto Limpo, así como á subrogación dos contratos de traballo vixentes, achegando todo o soporte legal no que se baseaban estas peticións. Tanto ordenamento xurídico tanto das leis de contratos de servizos públicos, como das directivas europeas laborais.
“Nada disto fixo o Concello de Gondomar, tampouco adxudicou o servizo a outra empresa, nin sequera llo fixo público aos veciños, que desinformados, se atopaban coas portas nos fociños, cando ían levar materiais”, afirma Xosé Antón Araúxo.
O concelleiro de Manifesto Miñor recorda ademais que mentres o veciño Concello de Baiona, afectado pola mesma situación e pola creba da mesma empresa, procuraba unha solución cunha adxudicación provisional a FCC, a Alcaldía de Gondomar, deixaba paralizado o servizo, afirmando que era imposible solucionar temporalmente o problema, “como forma de chantaxe para tratar de obrigar ás forzas políticas a que votasen favorablemente a proposta empresarial, na que a Alcaldía estaba interesada”.
Araúxo critica que “con tres meses de retraso por incapacidade de xestión”, o Concello de Gondomar vai abrir de novo o Punto Limpo, “esta vez con persoal que nada sabe de temas de residuos sólidos, nin puntos limpos. Obrigará a traballar neste lugar a desempregados que veñen de ser contratados polo plan da Deputación aos que previamente non formou”.
Para Manifesto Miñor un Punto Limpo é un alicerce fundamental da reciclaxe, por ocuparse de produtos que poden ser perigosos para a saúde ou para o medio ambiente. “Un goberno verdadeiramente sensible a este tema tería feito un proxecto de modernización do Punto Limpo de Gondomar máis ambicioso, que contemplase a ampliación e o aproveitamento de materiais con maior reutilización”.
“A desesperante desidia na acción de goberno ten agora consecuencias tamén económicas. O Punto Limpo acumula entre 300 e 400 colchóns (que pesan unha media de 40 kg. cada un). É preciso evacualos mediante a contratación dun transporte pagado, que se rexe por tarifas en función do peso en kg. Se esta xestión se fixese no seu momento, cando estaban secos, o prezo do servizo sería moito menor. Agora enchoupados de auga, os gondomareños teremos que pagar un custe moi superior, polo abandono, abulia, desidia ou apatía do noso Concello”, conclúe Araúxo.

