Gondomar organiza unha ruta polo Camiño de Santiago

O Concello de Gondomar, a través da súa Concellería de Turismo, pon en marcha o “Camiño de Santiago por etapas”. Esta ruta cun total de 110 quilómetros desenvolverase en catro etapas de 28 quilómetros cada unha aproximadamente, os días 3, 10, 17 e 24 de setembro. Ao chegar a Santiago o que así o queira poderá solicitar a “compostela”.

En cada xornada pola mañá un autobús recollerá aos participantes en Gondomar para levalos ao punto de inicio de cada etapa, regresando á vila a media tarde. Esta actividade é gratuíta con prazas limitadas, tendo preferencia na inscrición aquelas persoas empadroadas en Gondomar. É imprescindible o compromiso de realización das 4 etapas para poder acceder a unha praza.

En cada etapa os participantes contarán cun vehículo de apoio durante todo o percorrido para garantir a súa seguridade así como diferentes puntos de avituallamento. As inscricións poderán realizarse a partir do 17 de agosto a través do correo oficinadeturismo@concellodegondomar.gal ou no teléfono 678874985.