Sin categoría

“O Plan Forestal da Xunta ten como obxectivo industrializar o monte galego”

O día 5 de outubro remata o prazo para presentar alegacións á revisión do Plan Forestal que procura transformar o noso monte nunha factoría de produción de pasta de madeira e biomasa para enerxía.

O Co-mando Ghichas, formamos parte da rede a prol dun bosque autóctono “Cousa de Raíces”, colaboramos na redacción dun documento conxunto de alegacións que foi presentado este mércores 3 de outubro na Consellería de Medio Rural da Xunta en Santiago. Máis de setenta colectivos implicados no noso monte asinan o documento.

Igual inxenuamente todos e todas esperabamos por fin un gran cambio na política forestal dado o estado tan lamentable do noso monte e despois da última vaga de incendios da que vai facer un ano. Pero non, se o plan segue adiante non vai a haber tal cambio senón todo o contrario, o mesmo e máis.

Segue a buscarse unicamente a produtividade do monte, o beneficio inmediato, foméntanse ás plantacións en monocultivo, de eucalipto, de piñeiro e do que veña. Para facilitar o movemento de maquinaria e transporte prevese aumentar as pistas forestais e mellorar a súa infraestrutura. Beneficiaranse as grandes empresas, como ENCE xa que gran parte do contido do texto engade á produción de madeira o proxecto da biomasa forestal como fonte de enerxía. Preguntámonos se esta produción estará destinada ao proxecto da macroplanta de incineración de 40W que comeza a construír este ano ENCE, a primeira produtora de enerxía de biomasa en España. Beneficios millonarios. Redundan no beneficio dos galegos e galegas?

As grandes extensións de monocultivo levan a grandes pragas, logo o seu control é imposible. Prevese entón neste plan investir na procura de “remedios”como o control biolóxico e outros similares, invasores, tóxicos e que se nos escapan das mans e do control en cuanto ás súas consecuencias no medio moi negativas, que debilitan o sistema e volta a comezar. O beneficio aquí será novamente para as multinacionais produtoras de agroquímicos.

No apartado dedicado a sanidade forestal trátase ao bosque sen ter en conta o seu estado natural como ser vivo. Non se fala de vixiar ou restablecer o equilibrio natural dos ecosistemas para fortalecer a súa forza, vitalidade, nin da biodiversidade indispensable para esa saúde, senón de procurar remedios para un bosque forzado, de monocultivo, con especies alóctonas, bioinvasións… Fálase de tratamentos químicos, investigación xenética, pragas e loita biolóxica….Tamén saen beneficiadas nisto as grandes multinacionais dos agroquímicos.

En cuanto ao capítulo dedicado ao lume non se fai un estudo en profundidade da problemática dos incendios, segue sen establecerse a necesidade dun sistema de xestión pública para a extinción, fanse referencias a sistemas “mixtos” público-privados. Consideran que “non se debe reducir o operativo da extinción de incendios” e que “non se deben incrementar os orzamentos dirixidos a este fin”. Volven a saír beneficiadas as empresas de extinción de incendios e outras que se benefician dos resultados dos mesmos.

Nin sequera se avalían as causas de que o plan forestal anterior non se cumprira, tampouco se poñen remedios á desfeita que supuxo: máis de 500.000 ha de eucaliptos en 2018 cando o plano anterior fixaba un máximo de 245.000 ha para 2032. A especie invasora fóiselle das mans ou hai unha clara intención detrás.

No documento exposto ata se fala textualmente da “xestión activa dos bosques de ribeira” só faltaba facelos produtivos tamén!. Todo é produción, todo beneficio, así, no apartado dedicado ás Fontes de Financiamento textualmente propón: “O investimento de capital privado por parte de inversores non propietarios é deficiente. Deberanse desenvolver incentivos fiscais que faciliten a inversión privada de particulares ou empresas”.

En resumo, un plan para o beneficio das empresas e das multinacionais.

Os tratados de libre comercio e investimento, negociados en segredo polos nosos estados, igual tamén están presentes no deseño deste plan.

Co-Mando Ghichas