Nigrán Decide pide a publicación do PXOM na web municipal

Nigrán Decide presentará unha moción para o seu debate no pleno deste mes para que a documentación do PXOM, que segundo o Alcalde foi enviado á Dirección Xeral de Patrimonio, sexa publicada na web municipal, así como para que realice a convocatoria formal do Consello Sectorial do PXOM. Na moción tamén se pide que todos os cambios que se introduzan no PXOM sexan consensuados pola corporación.

“Non se pode falar de transparencia e consenso, como fai o alcalde, cando non se facilita a documentación aos grupos municipais tal como obriga a lei, e cando se introducen cambios no PXOM sen falalos anteriormente con ninguén”, sinala José Cuevas, voceiro de Nigrán Decide, para continuar indicando que “con estas medidas, ademais de facer a tramitación do PXOM transparente, o que pretendemos é que todos os cambios que se introduzan no PXOM aprobado inicialmente sexan consensuados e debatidos previamente. Pode parecer que estas propostas son atrancos, pero desta forma evitaríamos ter que volver atrás na tramitación, se a corporación municipal non está de acordo cos cambios que está introducindo unilateralmente o goberno municipal”, finaliza Cuevas.

A petición de Nigrán Decide baséase no cumprimento da Lei do Solo que establece que no seu artigo 87, sobre a publicidade, que “Os concellos garantirán, mediante procedementos telemáticos, o acceso e o coñecemento do contido dos instrumentos de planeamento urbanístico, tanto se se encontran aprobados como durante a súa tramitación”. Nigrán Decide entende que o envío á Dirección Xeral do Patrimonio do documento do PXOM estamos ante un novo trámite.

“Ao grupo municipal lle parece positivo que o goberno municipal informe sobre o PXOM polas parroquias, tal como está anunciando, pero esta información tamén se debe estender aos grupos municipais facilitándolle toda a documentación e mediante a publicación do documento na web municipal. Con esta medida pretendemos que toda a veciñanza e os colectivos sociais de Nigrán coñezan, sen intermediarios, toda a documentación do PXOM no seu actual estado de tramitación”, finaliza Cuevas.