A Xunta comprométese a atender as demandas de Nigrán na mellora da PO-552

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, mantivo unha xuntanza co alcalde de Nigrán, Juan González, para informalo das melloras previstas no proxecto para incrementar a seguridade viaria na estrada PO-552.

Este proxecto para eliminar os tramos de concentración de accidentes na citada vía autonómica xa foi adxudicada e conta cun orzamento de preto de 400.000 euros. Neste sentido, a conselleira indicoulle ao rexedor que o inicio dos traballos se prevé a comezos do vindeiro ano, pois primeiro cómpre culminar o procedemento expropiatorio.

A titular de Infraestruturas tamén manifestou o compromiso do seu departamento para atender as demandas de manter a semaforización na contorna da panadería “La Pintora” e achegar o paso de peóns o máximo posible á intersección.

Concretou que tamén se vai mellorar o itinerario peonil na contorna da intersección da AG-57 e ata a rúa Rans, a través dun contrato que xa está adxudicado e se empezará a executar a finais de outubro ou comezos de novembro.

Nesta intervención, a glorieta proxectada no punto quilométrico 12+350, na intersección coa rúa Valle Inclán, vaise axustar na súa construción para reducir a súa afección, de xeito que non se interrompa o acceso ao Camiño das Barreiras.

Na reunión tamén se abordou a senda entre Gondomar e A Ramallosa, impulsada pola Xunta na estrada PO-340. A longo destes días estanse retirando postes da propia senda e un apoio de media tensión na glorieta prevista na obra, o que permitirá que nuns días se poida rematar e poñer en servizo a rotonda.

Ademais o Goberno galego está estudando solucións que posibiliten que os vehículos cambien de sentido sen ter que chegar á glorieta da Ramallosa, tal e como veñen solicitando os veciños da zona.

Anuncios