Acto poético-musical en Nigrán polo 60 aniversario de “Longa noite de pedra” de Celso Emilio Ferreiro

Lucenza-Ateneo de Nigrán organiza este venres 14 de outubro, ás 20:00 horas no Auditorio Municipal, un acto poético-musical en conmemoración dos 60 anos da publicación do poemario “Longa noite de pedra”, de Celso Emilio Ferreiro.

Celébrase con este acto a aparición en 1962 dun libro fundamental na literatura galega do século XX, dunha grande calidade lírica e dunha enorme vixencia polos valores que transmite, con poemas que denuncian a guerra e a represión, que nos falan de identidades, da procura da liberdade, da emigración e do exilio, da consciencia de clase, da inxustiza social, así como da dignidade e das esperanzas que guían ao ser humano.

Unha obra froito dun tempo e dunha terra, cunha poesía comprometida, inconformista, solidaria e liberadora, que tivo sobre as xeracións que viviron o franquismo unha grande repercusión, tanto no ámbito socio-político e cultural en xeral, como no eido poético e musical en concreto.

Neste acto, que conta coa colaboración da Fundación Celso Emilio Ferreiro e do Concello de Nigrán, intervirá Xosé María Álvarez Cáccamo e interpretarán poemas desta obra os músicos Mini Rivas, Antón Seoane e Xoán López. Participarán tamén o director da Fundación e fillo do escritor, Luis Ferreiro, outros familiares do poeta e o Alcalde de Nigrán, Juan González, xunto con outras recitadoras e recitadores locais, no que tamén estarán representados escolares e profesorado de centros ensino do municipio. Proxectaranse tamén pequenos audiovisuais preparados para a ocasión, como o referido á vida do autor ou un poema interpretado polo cantante Tino Baz.

O acto é de balde e aberto ao público ata completar aforo.