Anuncios
Ticker de novas

A IGM reclama que se estuden nas aulas as consecuencias do golpe de Estado do 36 en Galicia

Que o paso polas aulas sirva ao alumnado galego para coñecer a historia do país nas primeiras décadas do século XX, que coñeza con rigor o sucedido durante a II República e a devastación humana, social e política causada polo golpe militar, así como as consecuencias institucionais, sociolóxicas e ideolóxicas que a Ditadura deixou na actual sociedade galega. Ese é o eixe da reivindicación que centra a XII edición do encontro anual que a Iniciativa Galega pola Memoria realiza en San Simón, coincidindo co aniversario do golpe de Estado fascista, hoxe domingo 22 de xullo.

Cincocentas persoas danse cita na illa. A maioría pertencen a colectivos de memoria pero este ano participa tamén unha delegación formada por profesorado e alumnado de distintas etapas do CPI O Toural de Vilaboa, onde se desenvolve un proxecto pedagóxico arredor da represión franquista baseado na recollida da memoria oral dentro da propia familia. Tanto a profesora Susana Vidal como as alumnas Marta Ríos, Ana María Beloso, Lúa Rodríguez, Isabel Couso e Leire Gil, insisten moito na importancia que ten abordar na aula un aspecto que a pesar do traumático foi moitas veces silenciado no fogar. Elas foron as elixidas para protagonizar o acto central que cada ano se celebra ás doce do mediodía na illa de San Antón para pór punto final á xuntanza.

Completaban o programa, Celia Garcia Pillado (neta de Concha Pillado, rapada e humillada polos fascistas) e Enriqueta Otero, (o seu pai, Eduardo Otero Molas, estivo preso na illa), a fin de que contasen a súa propia experiencia na transmisión da memoria oral. Celia colleu o relevo da xente maior da súa familia, tantos anos silenciada polo medo, e como membro da ARMH do Barbanza leva anos denunciando non só as vexacións sufridas pola súa avoa e moitas outras persoas da comarca senón tamén a pervivencia no seu concello, Ribeira, de simboloxía fascista e de homenaxes a represores . Enriqueta, que é o máximo referente da memoria en Marin, completaba a temática desta edición falando da súa propia experiencia na escola franquista dos anos 50.

Era o limiar para que, na voz de Teresa Carro Sobral, pertencente tamén a unha familia represaliada e directiva do colectivo de memoria A Regaduxa de Vilaboa, se desgranen as peticións das asociacións alí representadas e agrupadas na Iniciativa Galega pola Memoria.

Reivindicacións da IGM

A IGM denuncia a exclusión do estudo da historia do levantamento militar fascista contra a República, da represión contra vidas e dereitos durante a Ditadura (1936-1975) e das pervivencias do franquismo na transición e no período posterior da monarquía constitucional. Reclama que este estudo se faga desde unha óptica galega, inserida no coñecemento da evolución histórica do país nas primeiras décadas do século XX e durante a II República, no coñecemento e estudo da devastación humana, social e política causada nel polo golpe militar e a Ditadura, e na comprensión das consecuencias institucionais, sociolóxicas e ideolóxicas que tivo para a sociedade actual.

Avoga ademais porque a incorporación destes contidos e coñecementos teña como referencia os tratados internacionais asinados polo Estado en materia de dereitos fundamentais e as esixencias das Nacións Unidas

En definitiva, reclama un ensino que asentado no exercicio do dereito persoal e colectivo á verdade, á reparación, á xustiza e para garantir a non repetición do franquismo, teña en conta os seguintes aspectos:

  1. O ensino debe deixar de ocultar a verdade da historia dos feitos que aconteceron no noso país, na medida que son imprescindíbeis para comprender a realidade presente en canto é froito deses sucesos. Para iso debe incorporarse no currículo o coñecemento dos crimes do franquismo e a memoria da resistencia contra este réxime opresivo.
  2. O ensino ten que compensar e corrixir unha longa socialización e normalización da represión franquista e da impunidade dos seus crimes.
  3. O ensino debe promover os valores de respecto aos dereitos humanos para o cal non pode excluír dos seus contidos a violación destes que se teñen producido no noso país e analizar de xeito crítico aqueles aspectos pendentes de abordar polo Estado neste ámbito e que teñen que ver coa impunidade, a non investigación das desaparicións forzosas, a prescrición de crimes contra a humanidade, etc…
  4. O ensino debe fomentar os valores democráticos para o cal é indispensábel educar na asunción do pluralismo político, na defensa das liberdades civís e do dereito de expresión e organización, na apreciación positiva da participación política e do compromiso social e combater calquera visión totalitaria e antidemocrática que xustifique ou faga apoloxía da represión destes dereitos fundamentais.

Como paso previo ao acto central, a organización programou dous roteiros de memoria guiados respectivamente por Luís Bará, parlamentario e autor do libro “Non des a esquecemento” e Matías Rodríguez da Torre, mestre e guía habitual da illa antes de que o actual goberno da Xunta baleirase San Simón de calquera contido relacionado co recoñecemento ás vítimas da represión. Mesmo cambioulle a denominación de Illa da Memoria, aspecto moi criticado pola IGM.

Anuncios