Anuncios
Ticker de novas

Baiona inviste preto de 90.000 € en mellorar a pavimentación de 14 viarios nas parroquias

O Concello de Baiona investirá 89.762,61 euros en mellorar a seguridade viaria e a pavimentación en 14 viarios das diferentes parroquias do municipio, tras adxudicar o contrato para a execución das obras a NEXIA INFRAESTRUCTURAS SL. As obras comezarán en breve e o prazo de execución para as mesmas é de tres meses. Acometerase o fresado ou o cambio integral da pavimentación.

O alcalde, Ángel Rodal, afirmou que “todas son obras imprescindibles para os veciños, tanto pola ausencia de pavimentación nalgún caso como polo estado do mesmo noutros, polo que consideramos apropiado destinar os fondos ás melloras dos barrios no noso compromiso polas parroquias. Existen un gran número de proxectos que se van a levar a cabo e executar no rural e estas actuacións son unha delas pero hai outras moitas que se comezarán en breve”.

Os traballos terán lugar en Camiño da Costa, Camiño das Carneiras, Camiño Palleiro e Camiño Vello na parroquia de Baíña. Camiño Cocho A Lomba, Camiño do Cancelo, Camiño da Torre e Camiño de Boucelo en Baredo. Camiño da Marisma, Camiño do Punxido e Camiño do Francés na Parroquia de Santa Cristina de A Ramallosa. No Camiño As Covas, Camiño das Tomadas e Camiño Casteliño en Belesar.

O Concelleiro de Urbanismo e Infraestruturas detallou que “se levou a cabo un estudo das necesidades de obra nos camiños municipais de cada unha das parroquias do rural, clasificándoos segundo o seu estado actual e o seu nivel de tránsito e a súa necesidade de reparación. Deste estudo sacouse a conclusión de actuar nestes 14 viarios das parroquias”.

Os viarios do municipio serán sometidos a melloras que permitirán un mellor acceso aos residentes nas zonas rurais da localidade. As choivas do inverno provocaron deficiencias nalgúns deles, outros padecen a deterioración debida ao paso do tempo ou a inexistencia de asfaltado, o que fixo necesarias as obras.

Estas actuacións responden as peticións veciñais e enmárcanse na “decidida aposta do Concello polas parroquias, para mellorar a calidade de vida e os servizos dos seus veciños”, concluíu o alcalde.

Anuncios