Coa celebración da tradicional procesión polas rúas da Vila finalizaron os actos dedicados á Virxe do Carme en Baiona. Ás 20:00 horas comezaba a Misa Solemne na Ex Colexiata de Santa María, oficiada polo párroco Manuel Salcidos e cantada polo Coro de Homes “Voces Baionesas”.
Xa finalizada a Eucaristía, saía do templo parroquial a imaxe da patroa dos mariñeiros acompañada pola Banda de Música de Baiona e centos de devotos. A comitiva completou o percorrido habitual polas rúas de Santa Liberata, Manuel Valverde, Conde, Ventura Misa e Carabela Pinta, onde se interpretou a Salve Mariñeira, para continuar despois por Marqués de Quintanar.
Xa na praza de Santa Liberata, e antes de recollerse de novo na Ex Colexiata, o grupo da Danza das Espadas dedicou o tradicional baile á Virxe do Carme. En todos os actos participaron ademais do alcalde, Ángel Rodal, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, membros da corporación, da Comisión de Festas e outras autoridades civís e militares.

