Libre aínda que segue investigado o mozo de Baiona detido pola morte de Carlos Bermúdez

FOTO: PEÑA CELTISTA JORGE OTERO // Carlos Bermúdez.

O mozo de 23 anos veciño de Baiona detido este martes por axentes da Garda Civil pola súa posible vinculación coa morte de Carlos Bermúdez, que a mediados da semana pasada apareceu no aparcadoiro da Palma en Baiona inconsciente e cun golpe na cabeza e que faleceu este luns, quedou en liberade aínda que segue investigado.

O Xulgado de Instrución número seis de Vigo, en funcións de garda, decidiu deixalo en liberdade, aínda que deberá comparecer de forma periódica e ten prohibido saír de España. Tras pasar a disposición xudicial este mércores, o xuíz decidiu mantelo en situación de investigado, aínda que está pendente de determinar o delito concreto que se lle imputa ao longo da instrución.

Aínda que inicialmente a Garda Civil mantivo a hipótese de que o home se habería dado o golpe na cabeza tras unha caída fortuíta, a investigación mantívose aberta para tratar de determinar as circunstancias do ocorrido. Agora tratan de pescudar se hai antecedentes por algún problema anterior entre os dous, ao atopar indicios de que o motivo da caída puido ser un empuxón no transcurso dunha discusión.

Testemuños de terceiras persoas que os viron na noite do suceso sosteñen que ambos estaban ebrios no momento dos feitos, aínda que de momento non transcenderon os datos da autopsia practicada ao falecido. De feito, inicialmente relacionouse a embriaguez coa caída.