Os estudantes americanos de intercambio en Baiona percorren a Fortaleza de Monterreal

O alumnado traballador da especialidade de turismo do Obradoiro de Emprego Valmiemprega II realizou unha visita guiada co alumnado de intercambio do IES 1º de Marzo e a Newark Academy de New Jersey de EEUU.

O itinerario consistiu no percorrido arredor da Fortaleza de Monte Real, onde se lles explicou a rica historia deste importante enclave. Comezou na Torre do Reloxo onde recibiron unha explicación sobre as orixes da fortaleza, do seu sistema defensivo e dos moitos feitos históricos que alí se deron. Continuou parando no Baluarte da Concheira para observar a dobre defensa da muralla.

A seguinte parada foi na porta do Pozo ou dos Frades, coa fermosa garita de vixilancia, e dende onde temos unha panorámica formidable da Praia dos Frades. Seguidamente o grupo recibiu información sobre a Batería de Santiago e a Torre do Príncipe, unas das máis fermosas de toda a fortaleza.

Finalizou o itinerario cunha visita ao Parador Conde de Gondomar da man do xefe de recepción, quen amosou os amplos salóns, onde fan eventos, o formidable claustro e o Salón Condal, un espazo que conserva vestixios do antigo Pazo de Elduayen que alí se atopaba.

O grupo amosou gran satisfacción pola visita realizada, xa que tiveron oportunidade de coñecer un pouco máis da nosa rica historia.