Anuncios
Ticker de novas

Nigrán lembra ao seu veciño Jaime Martínez Pereira vítima do nazismo

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O Concello de Nigrán concluíu este xoves a mostra “Galegos en Mauthausen” cunha homenaxe a Jaime Martínez Pereira, nigranés falecido no campo de concentración de Mauthausen-Gusen o 29 de decembro de 1941. Así, o alcalde, familiares e representantes da Asociación Galega de Amizade con Israel descubriron unha placa co seu nome na Praza da Porqueira en Panxón, no barrio da súa familia. Posteriormente, no local da Asociación de Veciños de Monteferro-Panxón, tivo lugar unha charla con Francis Papiernik-Wolanowsky, residente en Vigo e filla de dous superviventes de Auschwitz-Birkenau.

O historiador Enrique Barreira Bieitia é autor do libro que inspirou a exposición “Galegos en Mauthausen” e que leva o mesmo título. Barreira documentouse recorrendo directamente aos arquivos de Mauthausen, nos que os nazis apuntaban o lugar e data de nacemento de cada recluso e lles asignaban un número de identificación. Este traballo identifica o tráxico destino do nigranés Jaime Martínez Pereira, falecido en Gusen en 1941 aos 24 anos (este campo de concentración atopábase ao este da cidade austríaca de Linz e dependía directamente de Mauthausen). El é o único veciño da comarca do Val Miñor que figura nestes documentos.

“Ata agora non se tiña constancia de ningún nigranés vítima do holocausto, así que é de xustiza que o Concello recorde ao seu veciño Jaime Martínez Pereira e, a través del, a todas as vítimas desa barbarie. Temos un compromiso coa recuperación da memoria histórica, é importante divulgar este episodio tan triste para que nunca se repita algo semellante”, sinala o alcalde de Nigrán e historiador, Juan González.

Charla

Francis Papiernik-Wolanowsky é filla de dous retidos en campos de concentración nazis. O seu pai, Charles Papiernik, foi supervivente de Auschwitz-Birkenau e faleceu en setembro de 2007 aos 89 anos. A súa nai, Micheline Wolanowsky, naceu en Paris en 1925 e durante a II Guerra Mundial viviu permanentemente agochada con documentación falsa, mudando de residencia constantemente e escapando da persecución nazi na Francia ocupada, sen embargo, os pais e a súa irmá foron deportados a Auschwitz-Birkenau, onde foron asasinados. En 1943, Micheline foi contactada pola Resistencia francesa, coa que colaborou até a liberación. Foi en 1945 cando coñeceu a Charles Papiernik, con quen casou en 1948. Ambos dedicaron as súas vidas a preservar a memoria do Holocausto, dando a súa testemuña vital en diferentes lugares do mundo.

‘Galegos en Mauthausen’

Nos campos de concentración (“stalag”) houbo 8.500 españois (300 deles galegos) e o 95% deles concentrouse en Mathausen. Case todos eles se alistaron no exército francés asinando un contrato “ata que a guerra remate”. En 1940, co pacto de colaboración do Mariscal Petain con Hitler e xa presidiarios, perderon a protección do estado francés e o goberno de Franco negouse a facerse cargo deles, polo que Alemaña decidiu destinalos a Mathaussen tras ser declarados previamente apátridas (feito que Franco aceptou de bo grado). Case todos eles morreron no stalag antes do inverno de 1941/42, como é o caso de Jaime Martínez Pereira.

Anuncios