
O Erizana presentou este venres no Parador de Baiona o seu X Torneo de Fútbol 8, que congregará entre o 11 e o 14 de abril a ao redor de 1.000 nenos de toda Galicia, repartidos en 68 equipos participantes. Ao acto asistiu o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, o deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez, a directora da oficina de Caixabank en Baiona, Yolanda Pérez, e o presidente do Erizana, Jose Antonio Figueroa.
Durante catro días, nos campos do Aral e Val de Martín, nenos dos clubs máis importantes de toda Galicia, como o Celta, Deportivo da Coruña, Rácing de Ferrol ou o Ourense, estarán en Baiona compartindo deporte, experiencias e aprendizaxe e colaborando a normalizar e dar visibilidade ao deporte de discapacidade coa III edición do Torneo Integra “laCaixa”, que este ano contará cun cartel de luxo cos equipos Fundación Celta Integra, Deportivo da Coruña, Real Sporting de Xixón, Rácing de Ferrol e Ponferradina.
O torneo arrancará o luns 11 de abril co Torneo Integra, que se disputará entre as 16:30 e as 20:30 horas no campo do Aral. Ao finalizar, ás 21:00 horas, haberá un concerto de Ardelume. O martes día 12, ás 11:30 da mañá, como complemento lúdico a unha xornada de convivencia, os participantes realizarán un tramo do Camiño Portugués pola Costa, desde a Praza de Santa Liberata ata a Península de Santa Marta.
O martes 12 será a quenda da categoría Alevín, con 24 equipos; o mércores 13, 20 equipos disputarán o torneo da categoría Benxamín; e o xoves 14, a categoría Prebenxamín pechará a competición, con 24 equipos. Durante os tres días, os encontros disputaranse en xornada de mañá e tarde en dous campos simultaneamente, Aral e Val de Martín.
“Pretendemos que o Torneo se converta nunha competición deportiva na que xogadores e familias poidan gozar da competición á vez que o fan da convivencia e asumen valores deportivos. Todo iso no marco incomparable que nos ofrece Baiona, un lugar privilexiado para visitantes, e que goza dunhas moi boas instalacións deportivas”, destacan desde o Erizana.