Sin categoría

O TSXG confirma a absolución do exalcalde de Baiona acusado de prevaricación por retirarse multas de aparcamento

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza da sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, na que absolveu dun delito continuado de prevaricación administrativa ao que era alcalde de Baiona en 2021 por retirarse cinco multas de aparcamento. O alto tribunal galego rexeitou, polo tanto, o recurso presentado polo Ministerio Fiscal, no que solicitaba a condena do acusado.

Na resolución, explica que a infracción do deber de abstención “non supón inevitablemente a existencia de prevaricación”. Así, os maxistrados destacan que, aínda que as resolución son nulas, “non teñen contido material inxusto desde o momento en que se limitaron, tras unha resolución de inicio de expediente sancionador na que xa procedía a abstención, a facer súa a proposta do órgano instrutor, o ORAL, sen que o acusado poida responsabilizarse do contido de tal proposta nin, en canto ao xa examinado, poida concluírse que as propostas viñeron viciadas por unha confabulación entre o alcalde e o oficial de servizo, o que non se declara probado”.

O TSXG asegura que o feito de que o acusado non se apercibise de que iniciara cinco expedientes contra si mesmo -tamén dun contido material correcto- e de que o mesmo sucedese en canto ás resolucións ata que é notificado no seu domicilio é, “evidentemente, algo que non impedía iniciar inmediatamente as medidas administrativas de revisión”.