Gondomar será un cinco concellos da comarca de Vigo beneficiarios de proxectos singulares incluídos no Plan de Reequilibrio Territorial da Deputación de Pontevedra que presentaron esta mañá a presidenta Carmela Silva, e o vicepresidente César Mosquera. O goberno provincial investirá nestes proxectos un total de 3.749.740, 89 euros do importe total de 4.687.176,05 euros, cubrindo os concellos a parte restante do custe.
Gondomar fará o proxecto de reforma da Praza da Paradela e da súa contorna cun orzamento total de 798.820,74 euros, dos que a Deputación porá 639.056,65 euros e o concello 159.764,09 euros.
O proxecto, do arquitecto gondomareño Pablo Muíños, contempla unha intervención global que reforma a Praza da Paradela e a súa contorna para interrelacionar os diferentes espazos inconexos que existen na actualidade e mellorar a mobilidade.
Preténdese a creación dun espazo único, relacionado, que una a Praza da Paradela coa Praza do Concello e que se comunique, á súa vez, de forma fluída e adaptada, coas vías de acceso á área, eliminando ou limitando o tráfico rodado perimetral e continuo para garantir esta relación.
Formalízase dun espazo único e aberto que inclúe a rúa Ángel Urzáiz, a parte norte da Praza da Paradela e a Praza do Concello. Desde esa plataforma descéndese, adaptándose á topografía, ata a cota inferior da praza, onde os únicos elementos que destacan volumétricamente son as árbores.
Exponse a recuperación da auga como fonte de vida da praza. A canle aberta de auga convértese no elemento vertebrador, da praza. O ruído, o movemento, o brillo da auga é base da dinamización serena da praza. Búscase unha imaxe de conxunto, integrada, onde a praza e o seu perímetro sexan parte dun todo, non elementos inconexos como na actualidade.
É parte fundamental da intervención a eliminación de barreiras arquitectónicas mediante a creación de plataformas únicas, zonas de tránsito peonil onde non existan desniveis. A creación de novos espazos verdes é outro dos elementos prioritarios, mediante a inserción de novas árbores na trama urbana.



