“Volando Voy” reforesta dúas hectáreas de monte en Chandebrito

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Jesús Calleja, a punto de plantar unha das árbores en Chandebrito.

Este venres continuou a rodaxe no Val Miñor dun dos programas que formarán parte da que será a cuarta tempada de “Volando Voy”, que se emitirá en Cuatro previsiblemente a partir do próximo mes de setembro. Jesús Calleja e o seu equipo desprazáronse pola mañá á Serra do Galiñeiro, na contorna en que se celebra o curro, para realizar un simulacro de lume real, servíndose de drons para demostrar as posibilidades da tecnoloxía en materia de prevención de incendios. Contaron coa participación de bombeiros forestais da Xunta de Galicia, GES do Val Miñor, Garda Civil, Policía Local de Gondomar, Protección Civil de Vigo e unha ambulancia, baixo a supervisión do xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo.

Xa pola tarde, na parroquia nigranesa de Chandebrito, ao redor de 200 veciños e veciñas da parroquia, armados con sacho en man, plantaron o que será o primeiro bosque “Volando Voy”, dúas hectáreas de monte no que crecerán 1.000 árbores de cinco especies diferentes, entre elas carballos, nogueiras ou castiñeiros. Trátase da primeira reforestación do programa, que levouse a cabo na contorna do Colexio Estudio, onde tamén presentaron a última tecnoloxía en materia de detección de incendios mediante uns drons capaces de alertar automaticamente aos servizos de emerxencias en canto detectan un foco.

Finalmente a festa de fin de rodaxe se levará a cabo en Baiona este sábado, onde se procederá á proxección de entre dez e doce vídeos realizados durante a súa estancia. Aínda que todo depende da meteoroloxía, a intención é celebrala ao aire libre na Praza do Concello, en caso contrario posiblemente a localización alternativa se chove sería o Auditorio V Centenario.

O pasado martes Jesús Calleja aterraba no Val Miñor. O coñecido presentador do programa televisivo “Volando Voy” fixo a súa primeira aparición na igrexa da parroquia nigranesa de Chandebrito, onde unha multitude de veciños agardábano con gran expectación. Un equipo de 30 profesionais está na zona acompañando ao presentador ata o domingo e recollendo testemuños de polo menos cinco veciños que funcionarán como personaxes, co fin de dar máis forza ás vivencias produto do inferno vivido nos incendios forestais do pasado 15 de outubro.

Durante a primeira xornada de rodaxe, o presentador aproveitou para coñecer de primeira man o acontecido durante o fatídico evento e onde dúas mulleres perderon a vida vítima das chamas. Con todo non faltaron os puntos de humor, que foron abundantes.

Rodaxe no Val Miñor, Baixo Miño e Condado

O programa non se cinguirá expresamente á comarca do Val Miñor, tamén tomaron imaxes da contorna do Condado Paradanta e Baixo Miño. Rodaron na Guarda e en concreto na desembocadura do Miño debido á espectacularidade deste accidente xeográfico, pero tamén no municipio de Oia e As Neves, por ser este último o máis afectado polas chamas.

Con todo o programa televisivo respectará a súa estrutura orixinal que se vertebra ao redor de tres alicerces. O primeiro é a misión, que neste caso non é outra que concienciar do dano que pode facer o lume e non só na contorna, senón tamén a facilidade coa que pode romper a un pobo enteiro. Doutra banda busca a espectacularidade servíndose de espazos naturais, que aquí será a desembocadura do Miño na Guarda. Finalmente dar a coñecer a historia vivida na comarca a través de persoas e veciños que o sufriron nas súas carnes.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.