O pasado 31 de xullo rematou o prazo de presentación ao certame poético Victoriano Taibo que convoca o Concello de Gondomar, en colaboración co Instituto de Estudos Miñoráns, IEM. A esta que xa é a décimo primeira edición concorren 59 orixinais, a maior participación colleitada por este certame até o de agora. A decisión do xurado será dada a coñecer na segunda quincena do mes de setembro e a entrega do premio terá lugar o día 17 de novembro no Auditorio Lois Tobío de Gondomar.
Nesta Edición e como adianto da celebración do vinte aniversario do IEM, celebrarase a I Semana Poética Victoriano Taibo, que consistirá en facer que a poesía ocupe fachadas e espazos públicos durante os días previos á entrega do certame. Nesta Semana Poética participarán diferentes autores e autoras e exhibiranse versos de Taibo, dos autores e autoras galardoados con este premio e outros autores galegos e universais que son referentes na poesía de todos os tempos.
Nas dez edicións anteriores resultaron galardoados as e os poetas: Carlos Negro con “Cultivos Transxénicos”, Mª Carmen Caramés con “Cuarto Minguante”, Elvira Riveiro e Silvia Penas con “Biografía da Multitude”, Mª Goretti Fariña con “Devastacións dispoñibles”, Calros Solla con “Holocausto Zacoe”, Conchita Álvarez Lebredo con “Distancias e Simetrías”, Ramón Sandoval con “Territorios Estraños”, Lara Rozados con “O caderno amarelo”, Iñaki Varela con “Do outro lado das portas”, Xosé Iglesias con “A relixión do mar” e Rafa Vilar por “Erosións”.
Victoriano Taibo, poeta das Irmandades da Fala, foi unha figura sobranceira nos dous primeiros terzos do século XX. Mestre de profesión, tivo unha importante actividade cultural e foi membro do Seminario de Estudos Galegos, da Real Academia Galega e do Instituto de Estudos Históricos do Minho. Publicou en vida os poemarios “Abrente” (1922) e “Da vella roseira” (1925) e a obra narrativa “Da agra aberta, contos e lendas” (1956); deixou inéditos dous volumes de poesía, “Abicedo” e “Cabrinfollas”, que foron publicados en 2008 pola editorial Follas Novas, edición dirixida por Armando Requeixo; ademais conta con abundante obra espallada en diversas publicacións tanto galegas como da emigración americana. No ano 2008 recibiu unha homenaxe en Morgadáns, lugar onde exerceu a súa docencia durante 20 anos, organizada polo IEM, que con tal motivo reeditou “Da agra aberta” e publicou unha Revista monográfica sobre o personaxe que recolle interesantes aspectos da súa vida e obra, coa participación dun nutrido grupo de persoas do mundo da cultura.

