Anuncios
Ticker de novas

O Club Ciclista Rías Baixas obtivo o segundo posto con Antonio Angulo no GP Vila de Mollados

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS // O equipo no Gran Premio de Mollados.

Antonio “Chava” Angulo rozou a súa primeira vitoria coa camisola do Club Ciclista Rías Baixas. O corredor elite cántabro terminou segundo este sábado no Gran Premio Vila de Mollados celebrado na provincia de Valladolid. Nesta proba puntuable para o ránking da Real Federación Española de Ciclismo ( RFEC), a entidade presidida por José Luis Chamorro tamén acariñou o triunfo por equipos.

O vento provocou que os corredores llo pensasen dúas veces antes de atacar no arranque dos 109 quilómetros con inicio e final en Mollados. O percorrido constaba de cinco ascensións puntuables de terceira categoría e a primeira delas, no km 32, coroouna na cabeza un grupo de fuxidos con Francesc Zurita como representante da estrutura miñorana

O catalán e os seus compañeiros de aventura foron neutralizados polo pelotón preto do quilómetro 50 e ata os últimos 25 non callou a fuga que resultaría decisiva. Nove corredores marcháronse por diante, entre eles Angulo, e a súa renda superior ao minuto permitiulles xogarse o triunfo na aproximación á meta.

Noel Martín (Kuota), Ángel Fuentes (Baqué) e Angulo obtiveron uns metros de vantaxe e no sprint final Martín impuxo a súa punta de velocidade por diante do cántabro do Club Ciclista Rías Baixas. Ao “Chava” ségueselle resistindo o triunfo coas súas novas cores, pero encadea a súa segunda presenza no podio tras o terceiro posto de hai dúas semanas no Trofeo Santiago de Palencia.

A 1 minuto e 17 segundos dos tres primeiros cruzou a liña de meta o grupo perseguidor encabezado por Francesc Zurita, que deste xeito obtivo a décima posición. Cristian Cuervo tamén finalizou nese mesmo tempo, o que permitiu á formación que dirixe Iván Rodríguez asinar a segunda praza por equipos.

A segunda cita do fin de semana para o conxunto do Val Miñor será este domingo o Gran Premio Macario en Alcalá de Henares, última xornada puntuable da Copa de España.

Anuncios