A investigadora nigranesa Elena Ojea participará na elaboración do informe da ONU sobre cambio climático

FOTO: UVIGO // Elena Ojea,

A Universidade de Vigo será a única institución española con dous investigadores dun total de 14, oito homes e seis mulleres, que participarán na elaboración do Sexto Informe do Panel Intergubernamental da ONU sobre cambio climático (IPCC). Á confirmación o pasado mes de febreiro do catedrático Xavier Labandeira, que repite desta volta como revisor editor, sumábase no mes de abril a da investigadora nigranesa Elena Ojena, que lidera na Universidade de Vigo o proxecto Climate Adaptation to shiffting stocks, Clock, a través do programa Starting Grant do Consello Europeo de Investigación.

“Para min profesionalmente é un gran paso e unha oportunidade, tanto para aprender, como para contribuír desde a ciencia á adaptación e loita contra o cambio climático a nivel mundial. Para o noso grupo na Universidade de Vigo e o proxecto ERC que desenvolvemos é tamén moi importante, pois un dos principais obxectivos que temos coa nosa investigación é achegar información e resultados relevantes para a política climática internacional”, explica Ojea, que será a autora principal dun capítulo dedicado aos océanos.

Pola súa banda, Labandeira segura que “para min é unha honra ser convidado a formar parte da equipa encargada da elaboración do próximo informe de avaliación, pola relevancia social e económica do problema a tratar, polo carácter disciplinar e porque todos os participantes fano de forma totalmente voluntaria”, asegura o catedrático e director de Economics for Energy.

Un total de 721 expertas e expertos de 90 países foron convidados polo IPCC a participar no AR6 como coordinadores dos autores principais, como autores principais ou como editores de revisión dos textos. No caso dos 14 representantes españois, ademais da Universidade de Vigo, as e os científicos que tomarán parte no informe pertencen ás universidades de Vic-Central, Castilla-La Mancha e Lleida e a institucións científicas como o Instituto Nacional de Salud Pública Carlos III, o Instituto de Física de Cantabria, o Centro Vasco para o Cambio Climático, o Centro Nacional de Supercomputación de Barcelona, o Instituto Pirenaico de Ecología e o Instituto para Bienes y Políticas Públicas do CSIC.

700 expertas e expertos seleccionados de entre preto de 3000

O bureau de expertas e expertos encargados de formar os tres grupos de traballo do IPCC, seleccionou as e os participantes entre un total de 2858 científicos de 105 países que foron propostos polos gobernos e organizacións observadoras do IPCC. No caso de Elena Ojea, a directora do grupo Future Oceans Lab lembra que foi ela a que presentou a súa candidatura ao IPCC, co que “o meu contacto previo foi a través de experiencias con colegas investigadores como Xavier Labandeira, Ben Halpern ou Anil Markandya, director do centro vasco de cambio climático (BC3) cando traballaba alí”.

O sexto informe actualizará o coñecemento en cambio climático, os seus impactos e riscos, as posibles opcións de resposta e xogará un papel importante na implantación do Acordo do Clima de París. En canto ao seu o contido, mentres o Grupo de Traballo I será o encargado de establecer as bases físicas, o II centrarase nos impactos, adaptación e vulnerabilidade e o III ocuparase da área de mitigación do cambio climático. Ojea, que será a autora principal dun capítulo dedicado aos océanos, destaca que este será “un capítulo fundamental pois se falará por primeira vez de adaptación ao cambio climático na contorna mariña”.

O labor de Xavier Labandeira centrarase no capítulo 13, dedicado á análise das políticas climáticas nacionais e subnacionais. “Este capítulo ten especial interese, dada a crecente evidencia sobre a aplicación de políticas climáticas nos distintos países e rexións e pola súa potencial relevancia cara á introdución das medidas que garantan o cumprimento do Acordo de París”, detalla o docente e investigador vigués, que xa participara, como autor principal, no anterior informe de avaliación do IPCC, que foi presentado en Berlín en 2014.

A Universidade de Vigo, altofalante de todo o proceso do 6º informe do IPCC

Ojea e Labandeira valoran de xeito moi positivo que Vigo sexa a única institución española que conte con dous representantes na elaboración do sexto informe do panel intergubernamental da ONU sobre cambio climático. “Paréceme moi positivo e amosa as capacidades e alcance que tempos. Creo que é unha oportunidade para que Universidade de Vigo funcione como altofalante de todo o proceso do próximo informe do IPCC e entre todos fagamos un labor de transferencia de coñecemento científico e as súas implicacións na toma de decisións”, asegura a científica. Para o catedrático, a presenza de dous investigadores da Universidade de Vigo “sobre un total mundial de 721 está moi ben para unha institución singular: non creo que sexa moi común a nivel internacional. O valor, se cabe, aumenta pola relevancia do problema abordado polo IPCC e a influencia dos seus informes nas decisións de gobernos e empresas”, asegura Labandeira.

Anuncios