Nigrán fomenta o galego entre os máis novos cun obradoiro de humor gráfico a cargo de Iván R

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Iván R impartindo o obradoiro de humor gráfico no IES Val Miñor.

O Concello de Nigrán, a través do Servizo de Normalización Lingüística, ofreceu no IES Val Miñor e no CPI de Panxón sendos obradoiros de humor gráfico a cargo do ilustrador nigranés Ivan R. O artista ofreceu as nocións básicas desta disciplina a medio cento de alumnos de 3º e 4º da ESO. O Concello fomenta deste xeito o uso do galego entre as xeracións máis novas e ofrece un ensino transversal da lingua incluíndo competencias coma a artística. En definitiva, trátase de traballar a expresión e a creación literaria desde un punto de vista alternativo para permitir dar renda solta á imaxinación dos mozos. «Foi un obradoiro que os propios profesores destes centros educativos demandaron para estas idades e que dende o Concello consideramos moi interesante poder ofrecelo», explica o alcalde, Juan González.

O humor gráfico en galego constitúe precisamente unha das grandes achegas de Galicia á cultura universal a través de figuras coma o emblemático Alfonso Daniel Rodríguez Castelao ata hoxe en día con Luis Davila. Para impartir o obradoiro o Concello contou precisamente cun dos seus veciños máis recoñecidos actualmente no eido da ilustración, Ivan R, artista especializado en publicidade, gráfica expositiva, editorial e moda e profesor de ilustración.