Un centenar de alumnos do IES Primeiro de Marzo non dispoñen de transporte escolar

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // IES Primeiro de Marzo.

As nais e pais das alumnas e dos alumnos do IES Primeiro de Marzo de Baiona están a padecer un grave problema no referido ao transporte para as alumnas e alumnos dos cursos de Bacharelato e Ciclos Formativos xa que as prazas de transporte escolar gratuíto ficaron totalmente cubertas.

Son máis de 80 familias afectadas e tendo en conta que a actual Lei non permite a estas e estes estudantes o uso do transporte escolar gratuíto e que, a día de hoxe, non existe posibilidade de transporte público até o Instituto, as nais e pais vénse na obriga de dispoñer de transporte privado para poder levar ás súas fillas e aos seus fillos até o Instituto cos conseguintes graves problemas de conciliación familiar.

“Tras poñer en coñecemento ao principio de curso ao goberno municipal do Concello de Baiona desta inxusta situación só atopámonos con excusas e negativas. Incluso á iniciativa como a de poñer una parada do transporte público nas inmediacións do Instituto”, asegura Patricia Prado, presidenta da ANPA Balcaxia.

Xa que logo, sen facilitar solución algunha, víronse na obriga de solucionar o problema optando por contratar unha liña de transporte cun custo de 30 € ao mes por familia.

Xunto coas ANPAS do CEP Sabarís e CEIP Fontes-Baíña e co propósito de solucionar o problema e que non suceda o mesmo para o vindeiros cursos escolares formularon a seguinte alegación aos orzamentos xerais de 2018 do Concello de Baiona: crear unha partida de 12.000 € para axudas ás familias de alumnas e alumnos de Bacharelato e Ciclos Formativos do IES Primeiro de Marzo de Baiona para o transporte deducíndoos da partida dedicada á retribución básica dos concelleiros.

“No derradeiro pleno ordinario do Concello de Baiona celebrado o 12 de abril aprobáronse definitivamente os orzamentos de 2018 sen admitir as nosas alegacións en base a que o transporte non é unha competencia municipal. Nós non entramos a valorar si é competencia municipal, pero temos que lembrar que no 2015 este mesmo goberno municipal creou unha partida de case 40.000 € destinada ao desenvolvemento do transporte metropolitano cando os informes de intervención e secretaría levantaban os mesmos reparos baseándose en que o transporte non é unha competencia municipal. Xa que logo, a decisión é política, non técnica”, afirma Patricia Prado.

Dende o ANPA Balcaxia do IES Primeiro de Marzo de Baiona manifestan un profundo malestar co PP por votar en contra das alegacións, a súa decepción co PSOE e EU por absterse e a súa gratitude ao BNG, que desde o primeiro momento amosaron o seu apoio e preocupación por este problema.

“Ante esta falta total e absoluta de empatía cos problemas das veciñas e veciños continuaremos co empeño de intentar solucionar este problema. Convocaremos unha reunión urxente para dar información tanto ás nosas socias e socios como ás outras ANPAS do concello de Baiona, e decidiremos as seguintes medidas a tomar”, conclúe a presidenta.