Pedrosa destaca a importancia na economía galega dos “campións ocultos” da industria

Render de la nave de Ecoforest, en construcción en CZFV Porto do Molle (Nigrán).

Na súa intervención ante o Foro Económico, a delegada do Consorcio da Zona Franca de Vigo (CZFV) puxo o foco da súa política en atraer e localizar en Galicia a empresas de tamaño pequeno e mediano pero líderes no seu sector e con gran potencial de crecemento e innovación. Teresa Pedrosa falou da importancia que teñen para unha economía rexional forte e diversificada aquelas empresas ás que se lles coñece como campións ocultos, tal e como é o caso de compañías como Marine Instruments (sistemas intelixentes de pesca), Ecoforest (industria de biomasa), Delta (aeronáutica) ou Bimba y Lola (moda), que constrúen grandes instalacións industriais no parque empresarial da Zona Franca en Nigrán (Pontevedra). No últimos catro anos o CZFV atraeu e localizou en Galicia a 275 novas empresas e 2.739 novos empregos. A delegada do Estado anunciou hoxe no Foro Económico de Galicia que o Consorcio realizará en 4 anos un investimento de 106 millóns de euros para atraer 275 novas empresas a Galicia con máis de 3.800 empregos.

“Os campións ocultos son empresas líderes no seu nicho de mercado, cunha gran proxección de crecemento pero descoñecidos polo gran público por presentar un tamaño mediano ou pequeno”, explicou Teresa Pedrosa, no cume anual do Foro Económico de Galicia que reúne a máis de 40 empresarios, investigadores das tres universidades galegas e xornalistas económicos de Galicia.

A delegada do Estado na Zona Franca presentou o primeiro dos documentos que, con motivo do 25 aniversario da súa creación, elaborouse en base ao servizo de estudos Ardán. Un informe no que se analiza o tamaño das empresas galegas e que reflicte a maior propensión das empresas medianas e grandes a crecer e sobrevivir.

O estudo revela que o 90% das 50 maiores empresas galegas en 1993 sobreviviron 25 anos despois, con crecementos de negocio e emprego maiores á media da economía galega. Cinco das empresas máis grandes mantéñense no top 20 de Ardán 2017 e dous terzos daquelas compañías (un 68%) cambiaron de mans (só 16 manteñen a propiedade).

“Ardán demostra que o tamaño protexe, pero tamén fai máis susceptible a unha empresa de ser comprada”, sinalou Pedrosa, quen destacou a importancia do tecido empresarial galego, dominado pola pequena e mediana empresa, en aspectos como a creación de emprego.

O estudo constata que en Galicia non parecen existir barreiras legais ou fiscais ao crecemento dunha empresa.

Galicia presenta uns datos de tamaño empresarial similares aos da media española e unha taxa de empresarios moi similar: 18 de cada 100 ocupados galegos son empresarios ou autónomos.