Sin categoría

A VII edición de “Bai de Tapas” causa gran expectación nas redes sociais

Arranca a VII edición do concurso de “Bai de Tapas” organizado pola Concellería de Turismo do Concello de Baiona en colaboración coa Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (Aceba) e que ten como obxectivo impulsar o turismo enogastronómico na Vila. O concurso conta cun gran número de incondicionais e causou gran expectación entre o público desde a súa presentación a semana pasada. Así o reflicten os datos da campaña promocional en redes sociais do concurso posta en marcha polo Departamento de Turismo do Concello de Baiona para dar a coñecer a nova edición, e faio superando as expectativas iniciais: conseguíronse case 32.000 impactos na páxina de Facebook oficial do concurso.

O día 28 tan só deuse a coñecer o cartel da nova edición, e ese mesmo día púxose en marcha a campaña cun post que alcanzou a 10.000 persoas, 949 clics en publicación, e 430 interaccións. Este día actualizouse a información visual do concurso e publicouse o cartel.

O pasado xoves, 5 de abril, día en que tivo lugar a presentación da VII edición concurso “Bai de Tapas”, retomouse a actividade e concentrou o groso da campaña que seguirá viva nas redes ata que finalice o concurso o 5 de maio. Ao longo dos días fixéronse varios post en Facebook desvelando as 21 tapas que elaboraron os 21 establecementos do municipio que participan no concurso e que se servirán a un prezo popular de 2 €, ou 3’50 € combinado cun dos tres viños patrocinadores da campaña: o branco Albanta da Denominación de Orixe Rías Baixas, o Vía Imperial da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e o Rioxa Herecia Juan Alcorta. Despois dos post dedicados á presentación ese mesmo día, a partir do venres programáronse dúas publicacións diarias, unha ao mediodía e outra a última hora da tarde, con fotografías de dúas ou tres tapas en cada post utilizadas para crear un maior interese nos seguidores da páxina e manter a súa atención no concurso durante a semana previa ao seu inicio.

Ata a data, na rede rexistráronse xa un total de 55 novos “Gústame” durante esta semana na páxina oficial que conta cun total de 2.248 persoas seguíndoa.

En canto aos seguidores da páxina chama a atención que o perfil oficial de “Bai de Tapas” conta con adeptos entre todos os públicos, polo que podemos concluír que o concurso satisfai ao padal tanto de mozos como de maiores.

O orixe web dos seguidores cando visitan a páxina do “Bai de Tapas” destacan a propia rede social e o buscador Google, aínda que teñen un peso relevante as páxinas dos diferentes medios de comunicación online nas que se contratou un espazo publicitario para promocionar o concurso. Destacable tamén é que a gran maioría dos seguidores acceden á información desde un dispositivo móbil (teléfono ou Tablet).

A maior parte de interaccións realízanse desde Baiona e a súa área de influencia: Vigo, Nigrán, Gondomar, tamén doutras comarcas como o Baixo Miño e Louriña, mesmo do Condado Paradanta.

Estratexia dixital

A Concelleira de Turismo destacou que “na última década Internet converteuse no medio máis utilizado polos usuarios para xestionar o turismo, polo que o Departamento de Turismo de Baiona aposta por optimizar o seu posicionamento en redes e incrementar o tráfico de visitantes ao concurso utilizando este método. Para iso, está a desenvolverse unha estratexia dixital que contribúa a posicionar o concurso como un referente de turismo enogastronómico na Vila, co obxectivo de captar novos públicos, tanto da contorna baionesa e do Val Miñor como en Vigo e o resto da Área Metropolitana”.

Para seguir xerando tráfico nas redes sociais e para incentivar a difusión do concurso a través delas o Departamento de Turismo convoca un concurso de fotografía no que os participantes deberán publicar nos seus perfís as fotos realizadas das tapas participantes, etiquetando a páxina do concurso e utilizando os hashtags #BaideTapas e #Baiona. Ao finalizar o concurso validaranse todas as fotografías e un xurado designará a foto máis representativa do concurso. O gañador ou gañadora recibirá un premio especial consistente nunha estancia no Talaso Augas Santas de Pantón-Monforte, incluíndo un percorrido mariño, cea, almorzo e visita guiada ás Adegas Regina Viarum, incluíndo degustación de viños.

“Despois de 7 edicións de exitosa participación entendemos que o consumidor relaciona xa a marca “Bai de Tapas” coa gastronomía de Baiona e converteuse nun evento fixo no calendario de veciños, veciñas e visitantes. As propostas dos nosos locais nesta edición son todo un reclamo para que veciños e persoas dos arredores da zona veña varias veces durante todo o concurso, pola semana ou o fin de semana, polo que desde o Departamento de Turismo estamos a esforzarnos enormemente en dar difusión ao concurso para que siga crecendo en adeptos”, finalizou a concelleira.

Á campaña en redes sociais súmaselle a importante campaña promocional do “Bai de Tapas” destináronse numerosos recursos á publicidade en principais medios de comunicación, así como colocación de anuncios en dous autobuses urbanos de Vigo, en dous das liñas de maior percorrido da cidade, tanto en tempo como en distancia, por un total de 3 semanas, e a contratación de 11 valos publicitarios promocionais na cidade de Vigo e nos municipios da Guarda, Oia, Nigrán, Gondomar, Tui e a propia Baiona.

ROTEIRO BAI DE TAPAS